+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

AS COMISIÓNS APROBAN POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DE CUBELA DE QUE SE MANTEÑA PARADA A REFORMA DA N-541 EN VIASCÓN


Cubela avoga porque os socialistas xestionen o freo á obra ante a falla de resposta dos representantes do ministerio para manter unha reunión

As comisións informativas de Cerdedo-Cotobade veñen de aprobar por unanimidade a proposta do presidente municipal, Jorge Cubela, de dirixirse ao Ministerio de Fomento para esixirlle que se manteña paralizada a reforma da travesía da estrada N-541 en Viascón, que vén de ser reactivada polo departamento estatal despois de que se suspendera no ano 2016. Así, tanto os representantes do grupo de goberno como os do grupo municipal do PSOE votaron a favor desta moción, que se debatirá definitivamente no pleno ordinario do mes de setembro, programado para este xoves ao mediodía.

Cubela amosou a súa satisfacción polo feito de que a proposta contara “co máximo consenso” de todas as forzas políticas con representación en Cerdedo-Cotobade e está convencido de que tamén se aprobará por unanimidade na sesión da xestora, “o cal é de gran importancia, xa que dalle máis peso á nosa reclamación”. Ao respecto, adiantou que ao día seguinte remitiranse cartas oficiais informando do acordo aos organismos estatais en Galicia co obxectivo de “facer forza para que manteñan parada a obra e activen ou ben unha negociación cos veciños ou ben a solicitude de segregación e anulación cursada polo noso Concello en xaneiro de 2016”.

O presidente municipal avogou porque os socialistas locais xestionen o freo da obra “como fixen eu cando estaba o PP en Madrid” e ademais porque, engadiu, detecta certo “sectarismo político e falla de respecto institucional” á hora de reunirse co goberno local, xa que seguen sen respostarlle á solicitude de reunión, pero xa mantiveron xuntanzas cos concellleiros do PSOE.

“Sigo sen entender que os socialistas, cando chegan a un cargo institucional, se neguen a recibir aos representantes dos veciños cando son do PP. É algo que non me entra na cabeza e é unha falla de respecto, non a Cubela, senón aos veciños de Cerdedo-Cotobade”, resignouse o rexedor, que deixou claro que vai seguir insistindo nas solicitudes de reunión, na remisión dos documentos e acordos e na defensa dos intereses dos veciños de Viascón “en todos os foros nos que me deixen”.

“Só me preocupa que non se faga a obra, xa que perxudica moito á parroquia, parténdoa en dous sen ningún beneficio para a nula sinistralidade que ten, e ademais non entendo esta situación porque a obra pódese deter xa que é facilmente revogable”, concluiu.

Deja un comentario