+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

AUGAS DE GALICIA TRASLÁDALLES A REPRESENTANTES VECIÑAIS AS CONCLUSIÓNS DO ESTUDO DE ALTERNATIVAS PARA A EDAR DE PRACERES


O director do organismo de conca, Roberto Rodríguez, recibe as súas suxestións e comprométese a que a decisión definitiva sobre a localización da futura infraestrutura sexa o máis consensuada posible

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, reuniuse  en Pontevedra con representantes da plataforma veciñal Non á ampliación da depuradora de Praceres, co fin de trasladarlles os últimos avances e toda a información actualizada sobre as alternativas que baralla a Xunta respecto das actuacións previstas para ampliar a actual EDAR coa construción dunha nova depuradora.

Durante a xuntanza, Rodríguez lembroulles aos veciños que as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) son instalacións imprescindibles para o mantemento dunha ría sa e produtiva, aínda que poida supoñer certas incomodidades para os veciños asentados na contorna. Neste sentido, o director de Augas de Galicia aproveitou a xuntanza para subliñar que a participación da cidadanía na formulación deste tipo de proxectos é “imprescindible” para mitigar ao máximo a posible afección que poida causar na zona.

Roberto Rodríguez transmitiulles aos representantes do colectivo que o Goberno galego será o máis transparente e aberto posible coa veciñanza de Pontevedra, para o que se mostrou disposto a escoitar as súas reivindicacións e animounos a participar activamente durante todo o proceso de tramitación.

Esta reunión, na que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, prodúcese unha semana despois da mesa de seguimento do Plan de Saneamento Local (PSL) da ría de Pontevedra, que estivo presidida polas conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e do Mar, Rosa Quintana, e na que participaron asociacións, membros das confrarías e representantes dos gobernos locais de Pontevedra, Marín e Poio.

Por iso, Rodríguez enmarcou a xuntanza desta tarde e a propia mesa de seguimento do PSL no feito de que a Xunta “non quere actuar á marxe da xente” senón escoitala, explicar os porqués das decisións que se están a tomar e conseguir “consensuar o máximo posible” os intereses particulares da veciñanza co interese xeral.

Deja un comentario