+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

O CONCELLO ACONDICIONA UN DOS ACCESOS DE CARITEL E SOLUCIONA A BAIXADA INCONTROLADA DAS AUGAS PLUVIAIS


Acomete a terceira mellora na rede municipal de camiños nesta parroquia

As obras de acondicionamento do camiño municipal que dá acceso a varias vivendas en Caritel comezaron estes días. Os traballos contan coa complicación engadida de que é preciso tender uns 200 metros de tubos de recollida de pluviais, dado que a rede anterior atopábase nun pésimo estado.
O camiño, situado detrás da Casa do Pobo de Caritel, ten un trazado en pendente, o que acentúa o problema das augas pluviais. Os habituais asolagamentos, ademais da falta de mantemento durante décadas, foron causantes do deterioro dun firme de formigón con que contaba, que xa era case inexistente ao estaren repleto de fochancas.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) decidiu acometer a obra cunha renovación total, diante da posibilidade de asfaltar directamente. Así, o proxecto da arquitecta municipal baséase na demolición total para a reconstrución do servizo de pluviais, que quedará conectado correctamente cunha arqueta situada no punto máis baixo, a carón da estrada autonómica PO-532.
As obras comezaron hai uns días coa limpeza mecanizada das marxes, corte e levantado do pavimento asfáltico e apertura de gavias para a instalación de tubo de PVC de 315 mm de diámetro. Diante da complexidade do trazado, con curvas e pendente, optouse por colocar 7 arquetas de formigón con grella de fundición para a recollida. Máis aínda, nos puntos onde baixa a auga con máis forza están a instalarse “canaletas” prefabricadas.
Finalmente, a obra rematarse cun novo pavimento de asfalto de boa calidade para garantir a súa duración ao longo de moitos anos. O novo firme terá caída cara o lado esquerdo (sentido de baixada) para dirixir as augas cara as novas canles.
O Concello de Ponte Caldelas xa reparou outros dous camiños en Caritel ao longo deste mandato. Un deles nun estado pésimo non permitía o paso dunha ambulancia, a pesar de que nesta zona reside unha persoa con problemas de saúde. O outro está situado no lugar do Coto e mellorou o acceso a dúas vivendas.

Deja un comentario