+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

SALCEDA PON EN MARCHA O I PLAN DE FORMACIÓN XUVENIL EN NOVAS TECNOLOXÍAS


O Plan, dirixido a mozos e mozas menores de 25 anos, permitirá acadar coñecementos en novas tecnoloxías, aplicables ao mundo laboral

‘Introdución ao deseño e impresión 3D’, ‘Desenvolvemento de aplicacións móbiles Android’, ‘Deseño de videoxogos con Wimi’ e ‘Robótica, programación por bloques’, son as catro actividades formativas que, nestes últimos meses do 2018 e xaneiro do 2019, poñerá en marcha a Concellería de Formación e Emprego do Concello de Salceda de Caselas que xestiona Loli Castiñeira.
Son, segundo Castiñeira, catro cursos “que permitirán aos mozos e mozas adquirir coñecementos aplicables ao mundo laboral e, polo tanto, melloran as súas posibilidades de atopar un traballo”.
Para participar nestes cursos, os interesados e interesadas deberán presentarse co seu correspondente DNI, no CLD do Torrón á hora indicada para cada unha das probas de selección, tralas que se realizará a correspondente inscrición.
O primeiro curso en poñerse en marcha será o de Introdución ao deseño e impresión 3D, que se desenvolverá os sábados, entre o 6 e 24 de outubro ata completar un total de 16 horas lectivas. A proba previa e a inscrición será o día 1 de outubro ás 17 horas.
Os mércores do 10 ao 21 de outubro, terá lugar o curso de Desenvolvemento de aplicacións móbiles Android, cun total de 20 horas lectivas e coa proba previa e inscrición o día 3 de outubro ás 17 horas.
Xa no 2019, entre os día 9 e o 20 de xaneiro e con clases os mércores, terá lugar o curso de Deseño de videoxogos con Wimi, de 20 horas, con proba de selección e inscrición o día 27 de decembro ás 10 horas.
Finalmente, entre os días 12 de xaneiro e 2 de marzo e con clases os sábados, terá lugar o curso de Robótica, programación por bloques, de 16 horas e que terá a súa proba de selección e inscrición o 26 de decembro ás 10 horas.
Tres Concellerías traballan de maneira conxunta neste Plan: Concellería de Formación, de Ensino e de Mocidade.
Tal e como explicaba o alcalde, Marcos Besada, “Salceda, o segundo municipio de Galicia coa media de idade máis baixa, non pode esquecerse da mocidade á hora de ofrecerlle unha formación que lle permita atopar unha saída no mercado laboral”.

Deja un comentario