+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O CASTELO DE SOUTOMAIOR ACOLLE ESTE XOVES A XORNADA “PROFESIONAIS POLA IGUALDADE” DA ESCOLA MARÍA VINYALS


Será inaugurada pola presidenta Carmela Silva e contará coa presenza de Rosa Cobo, Mercedes Renda, Inmaculada Sánchez, Celso Taboada, Marián Mur, María Álvarez Lires e Silvia Buabent

O Castelo de Soutomaior acollerá este xoves a xornada “Profesionais pola Igualdade”, ao abeiro da programación da Escola de Igualdade María Vinyals, que será inaugurada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e na que se darán cita as persoas máis relevantes do Estado para afondar nas políticas de igualdade e na necesidade de contar con persoal técnico para dar resposta ás mulleres que sofren as consecuencias da desigualdade.

A xornada, dirixida a persoal técnico e político do eido local, profesionais que traballan na loita pola igualdade e contra as violencias machistas e persoas interesadas en xeral, vaise centrar, por unha banda, na importancia das políticas de igualdade na actual axenda política e social, que afectan directa e indirectamente a toda a cidadanía. Por outra banda, abordaranse cuestións relativas á necesidade de contar con expertas e expertos en igualdade para analizar a problemática e propoñer medidas para a consecución da igualdade efectiva. Neste caso, reflexionarase tamén sobre a importancia de visibilizar e poñer en valor aos e ás profesionais que traballan día a día na aplicación das políticas de igualdade.

A xornada comezará ás 9.30 coa apertura a cargo da presidenta provincial e a conferencia da profesora e teórica feminista, Rosa Cobo, sobre a “Importancia e necesidade das políticas de igualdade e profesionalización”. Posteriormente, terá lugar a mesa redonda “Realidade das profesionais pola igualdade”, na que participarán Mercedes Renda e Inmaculada Sánchez.

Xa pola tarde e partir das 16.oo horas terán lugar os grupos de traballo “Profesionais pola igualdade no sector público, privado e na educación” a cargo de Celso Taboada, Marián Mur e María Álvarez Lires. A partir das 18.45 horas terá lugar a última conferencia, titulada “A igualdade na axenda política e o papel das profesionais” a cargo de Silvia Buabent, actual directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades.

Deja un comentario