+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

AS XORNADAS CUSPEDRIÑOS10 ENTREGAN O LIBRO TURÍSTICO E HISTÓRICO “TERRAS DE COTOBADE” AOS CEN ALUMNOS DO IES


O volume de Xosé Fortes protagoniza a segunda actividade do programa, que incluirá senllas charlas e o roteiro do Foxo do Lobo

As III Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais “Cuspedriños10” celebraron esta mañá a súa segunda actividade, consistente na entrega do libro turístico e histórico “Terras de Cotobade”, do escritor local Xosé Fortes, aos cen alumnos do IES de Cotobade, en Tenorio, de mans do presidente municipal, Jorge Cubela.

O rexedor, acompañado do director, José Luis Murio, e de gran parte do claustro, explicou aos cativos a orixe destas xornadas e acolleu unha gran resposta dos estudantes respecto á Feira de Cuspedriños, xermolo desta iniciativa, xa que a meirande partes deles admitiron ter asistido a esta recreación dos antigos mercadiños desta aldea.

Ademais, Cubela quixo poñer en valor “a gran calidade” do libro de Xosé Fortes, que calificou como “biblia do concello”, e animou aos rapaces a “lelo pouco a pouco para coñecer a historia, os paraxes, os feitos e os recursos turísticos” existentes no territorio de Cotobade. “É un libro impresionante, que agora xa estará nas vosas casas para que aprendades del xunto coas vosas familias”, indicou, ante o asentimento do profesorado.

O presidente aproveitou para lembrarlles aos cativos que a figura de Antonio Fraguas, moi presente en gran parte das actividades de “Cuspedriños10”, vai ser a protagonista das Letras Galegas 2019, “o que vai a converter ao noso concello, e tamén aos nosos centros educativos, no referente da cultura galega durante o vindeiro ano” e animounos a aproveitar esta oportunidade da man das moitas actividades que anda artellando o claustro. Xa fóra do acto, Cubela brindou a máxima colaboración posible ao equipo directivo do centro para o desenvolvemento de iniciativas en torno a Fraguas durante o próximo exercicio.

As Xornadas “Cuspedriños10” xa roldan o seu ecuador e completaranse nas vindeiras semanas coa celebración de senllas charlas informativas, unha das cales versará sobre o potencial turístico das Augas da Freixa e que terá lugar o vindeiro venres 5 de outubro, e do emblemático roteiro do Foxo do Lobo.

Deja un comentario