+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

CUBELA LAMENTA A “COVARDÍA” DO PSOE POR ABANDONAR O PLENO PARA NON APOIAR A SÚA MOCIÓN DA OBRA DA N-541 EN VIASCÓN


O presidente califica de “excusas peregrinas” a suposta falla de respecto alegada polos socialistas, “xa que foi un pleno normal e correcto”

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, criticou duramente ao grupo municipal do PSOE e lamentou a súa “covardía política” por abandonar o pleno ordinario celebrado para non apoiar a súa moción esixindo ao Ministerio de Fomento que manteña paralizada a reforma da travesía da N-541 en Viascón. “Quedaron retratados tras moitos días de mentiras e demagoxia porque á hora da verdade deixaron tirada á parroquia simplemente por non enfrontarse aos seus compañeiros socialistas de Fomento”, criticou.

Cubela explicou que os socialistas decidiron abandonar o pleno por unha suposta falla de respecto no debate, pero calificou esta medida de “excusas peregrinas, xa que foi un pleno normal, correcto e dentro dos absolutos límites do respecto, tal e como sucedeu sempre neste concello”. “Quitáronse a careta porque sería moi gordo que votaran a favor desta moción, que só pedía o que xa acadamos cando gobernaba o PP en Madrid, cando van consumar a súa particular vendetta coa parroquia de Viascón”, detallou.

O presidente indicou que, ante a ausencia do PSOE local, a proposta, que se trasladará detallada aos organismos estatais a vindeira semana do mesmo xeito que se fixo coa solicitude de anulación da obra de xaneiro de 2016, quedou aprobada por unanimidade dos concelleiros presentes pero sen o consenso de todas as forzas políticas da corporación. “É unha mágoa que os socialistas sen baixaran do barco, sobre todo polos veciños de Viascón, que son os que precisan apoio, pero agora xa se sabe no lugar no que está cada un: o goberno local a prol de manter parada a obra e o PSOE do lado de Fomento para que se faga”.

Cubela tamén se declarou “alucinado” cando a voceira socialista lamentou que Fomento non o recibira como presidente municipal e reclamoulle que “o mesmo que di neste pleno o transmita aos seus compañeiros socialistas e aos medios, pero aí xoga coa súa dobre moral habitual”. Neste senso, lembroulle que sucedeu un caso similar coa paralización da mellora do acceso a Almofrei por parte da Deputación cando estaba licitada e para contratar.

Ante as críticas da voceira socialista da suposta falla de xestión de Cubela con outras administracións e louvando a boa man do ex alcalde, o socialista Manuel Loureiro, o presidente municipal replicoulle que “os feitos demostran o contrario” e engadiu que “sen querer falar de alguén que non está presente, quero lembrarlle que durante a xestión do ex rexedor, e cun ministro de Fomento galego, non lle fixeron caso durante cinco anos para reparar o socavón da vergoña, tamén en Viascón, e cando chegamos ao poder o arranxamos en seis meses”.

Finalmente, e malia o descabalgamento dos socialistas, Cubela pechou o pleno sinalando que o mantemento da paralización da obra e a súa posterior anulación “é moi fácil e legal se hai vontade, pero os socialistas lamentablemente xa decidiron executar a súa vinganza con Viascón, pero vannos atopar de fronte e do lado dos veciños”. Ao respecto, lembrou que hai decenas de exemplos de obras adxudicadas e incluso en marcha por parte de todas as administración s e de todas as cores que foron paralizadas, como os accesos ao Morrazo desde Rande, a autovía Porriño-Vigo ou a estrada provincial Mané-Rebón, entre moitos outras.

Deja un comentario