+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

O CONCELLO IMPULSA O EXPEDIENTE PARA A CONSTRUCIÓN E EXPLOTACIÓN DO BALNEARIO DE PONTE CALDELAS


O anteproxecto da estación termal contempla a execución de tres piscinas, unha delas cuberta por un edificio acristalado

O expediente para a construción e explotación en réxime de concesión da futura estación termal de Ponte Caldelas está en marcha. O Concello prepara a exposición ao público do anteproxecto arquitectónico e do estudo de viabilidade económico-financeira, pasos previos para a licitación.
Una vez adquirida a parcela á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (Sareb) o pasado mes de xuño, o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) encargou a redacción dos documentos que servirán de base para o concurso, deixando abertas posibles melloras polas empresas interesadas, sempre que encaixen na edificabilidade existente.
A “filosofía” que se persegue é a dunha estación termal sostible e sen ningún parecido co quebrado macroproxecto impulsado polo anterior equipo de goberno que, ademais de quedar parado con só unha pequena parte da estrutura executada, significou a demolición do histórico Balneario caldelán, propiciando así un duro golpe á autoestima local.
O anteproxecto, cun orzamento total de 1.867.741 euros, contempla tres piscinas de augas termais, dúas ao aire libre e unha terceira baixo un edificio de só dous andares, encaixado na pendente do terreo e cunha fachada completamente recuberta de cristal para acentuar a sensación de transparencia na contorna fluvial.
O anteproxecto arquitectónico deseña un inmoble cunha superficie construída de algo máis de 1.200 metros cadrados. No baixo sitúase a piscina cuberta cuns 200 metros cadrados e tres cabinas de masaxes e tratamentos. As outras dúas pozas, cunha lámina de auga doutros 300 metros, están ao aire libre nunha superficie herbácea e comunicada por camiños de terra. No andar alto estarán a recepción e un local de restauración.
Tamén queda contemplada a urbanización da finca, baseada no respecto aos valores naturais da contorna, polo que inclúese unha escaleira de acceso ao nivel das piscinas (ademais dun ascensor no interior do inmoble) e unha rampla para uso peonil e de vehículos de emerxencias e de servizos que remata con catro prazas de aparcamento restrinxidas. O resto do terreo será tratado con herba.
O estudo de viabilidade económico-financeira estima que a instalación arrancará con 25.000 visitantes o primeiro ano e alcanzará os 50.000 ao quinto. As previsións económicas prevén un balanzo positivo dende o primeiro momento, que supera os 100.000 euros a partir do cuarto exercizo. Ademais estímase a contratación de 5 traballadores, ademais dunha empresa de limpeza.
O Concello está traballando paralelamente na redacción dos pregos do concurso no que se esixirá un aforo mínimo de 200 persoas e un prezo máximo das entradas de 6 euros, con descontos para nenos e xubilados. A concesión resultante será por un período de 30 anos, prorrogables por outros 10. Tamén quedarán determinadas as condicións da explotación, incluíndo unha cláusula de rescate para o caso de que a instalación permaneza pechada durante 6 meses.
“É un proxecto sostible, integrado na paisaxe e que está destinado a converterse nun dos motores socioeconómicos de Ponte Caldelas”, subliña o alcalde, Andrés Díaz. “Un paso crucial para consolidar o noso modelo, que aposta antes que nada polo emprego, pola atracción de visitantes e pola potenciación dos nosos valores naturais como municipio a cabalo entre o urbano e o rural”. Un modelo que, engade, está incardinado con outras actuacións, entre as que destacan as reformas da praza de España e da avenida de Vigo, rúa na que vanse habilitar 200 novas prazas de aparcamento.

Deja un comentario