+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MARGA DO VAL AMOSARÁ A DIMENSIÓN LITERARIA DE TUI NUN ROTEIRO QUE PERCORRERÁ DIVERSOS PUNTOS DO CONCELLO


A fronteira e a memoria histórica terán protagonismo nun percorrido que partirá do Campo dos Mártires de Sobredo
Este é o penúltimo dos sete roteiros que oferta a Deputación, en colaboración coa AELG, co obxecto de dar a coñecer espazos literarios da nosa provincia
‘Tui na literatura’ é o título escollido por Marga do Val para o roteiro literario que mañá guiará por diversos puntos de Tui. Este roteiro, que é o penúltimo dos sete que organiza este ano o departamento de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, partirá ás 11:30 horas do Campo dos Mártires de Sobredo. Precisamente o punto de partida foi escollido pola escritora por “ser o lugar onde floreceu a rosa da dignidade durante as loitas agrarias, lugar de memoria viva, poetizado desde Ramón Cabanillas”.
Marga do Val explica que deseñou o roteiro para “ofrecer a miña visión como lectora, como moradora da cidade, e como escritora”. “Chegaremos á cidade de Tui”, engade “e percorrendo as súas rúas, acompañarannos as voces de quen viaxaba e cruzaba a fronteira, de quen ía de paso, voces de quen como Syra Alonso, dixo adeus a moito máis ca unha paisaxe, as voces e lembranzas da familia Álvarez Blázquez, desde a súa casa, as denuncias de mulleres como Josefa García Segret desde o cárcere”.
O roteiro tamén percorrerá os espazos literarios e históricos ligados “ao Tui do 36, o das mulleres do anel, que habitan as páxinas da Cidade sen roupa ao sol, dos homes das valixas”. Marga do Val adianta ademais que “falaremos de Golparro, de Vesteiro Torres, do XIX, e tamén do XX e do século actual, en que revive, Rosendo Salvado”.
Hai que lembrar que estes paseos literarios están concibidos para, en palabras do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, “poñer en valor os espazos nos que transcorren as obras, para que a literatura na nosa lingua teña vida máis aló dos libros e que se relacione a historia co lugar onde transcorre”. Neste sentido, Marga do Val anuncia que lle ofrecerá ás persoas participantes no paseo “unha cidade literaria viva como o río sen o que non somos nada, unha cidade que ten Valença preto e lonxe”.
Despois do roteiro que mañá guiará Marga do Val por Tui, xa só quedará unha oportunidade para participar nunha destas experiencias: será o sábado 6 de outubro, día no que Lucía Novas guiará o percorrido dedicado a Johan Carballeira por Bueu.

Deja un comentario