+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

FEIJÓO REFÍRESE Á INSTALACIÓN DUNHA NOVA PLANTA VINCULADA Á AUTOMOCIÓN EN MOS COMO A CONSTATACIÓN DE QUE OS CONCELLOS EMPRENDEDORES SON ÚTILES E O MODELO A SEGUIR


Precisa que na actualidade hai 101 municipios adheridos a esta iniciativa e anima aos restantes a sumarse a este compromiso “queremos que haxa 313 razóns para investir en Galicia, os 313 concellos que a conforman”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe á instalación dunha nova planta vinculada á automoción no parque empresarial de Veigadaña, en Mos, como a constatación de que os Concellos Emprendedores son útiles e “de que este é o modelo a seguir para apostar polo investimento, polo emprego e polo futuro”.

Logo de precisar que, na actualidade, hai 101 municipios adheridos a esta iniciativa, e outros 38 amosaron xa o seu interese, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá traballando para que cada vez sexan máis os concellos que avoguen por este modelo. “Queremos que haxa 313 razóns para investir en Galicia, os 313 concellos que a conforman”, dixo, animando a todos os municipios a sumarse a este compromiso e materializar todas as vantaxes que propón a Lei de implantación empresarial no ámbito municipal.

Non en tanto, recordou que esta lei posibilita desenvolver polígonos industriais a medida, segundo as necesidades de cada momento, e establece a figura dos proxectos de especial interese para aquelas iniciativas industriais que precisan dunha tramitación máis urxente, como está a ocorrer no sector eólico e tamén no sector da automoción.

Ao respecto, explicou, a modo de exemplo, que ao elixir Mos para abrir a súa segunda factoría na comarca de Vigo, Benteler apostou polo prezo máis competitivo cando adquiriu a parcela e a axilidade na tramitación para que os terreos estivesen dispoñibles canto antes; ademais da vantaxe de estar a poucos quilómetros da factoría viguesa de PSA.

“Mos é un concello emprendedor que apostou polo emprego. E con este obxectivo a Xunta bonificou o prezo do solo industrial un 30% e o municipio bonificou o 95% dos impostos locais como o IBI o imposto de actividades económicas e o imposto sobre construcións, instalacións e obras”, explicou incidindo en que a conxunción dunha empresa competitiva, dun concello competitivo, e dunha Comunidade Autónoma competitiva é o que dá lugar a ter unha industria tamén competitiva como o é o sector da automoción en Galicia.

Logo de resaltar que esta nova planta, que botará andar en 2019, suporá un investimento superior aos 20 millóns de euros e a creación de preto de 175 postos de traballo, Feijóo aseverou que producirá diversos compoñentes para os novos modelos de PSA: o K9 e o V20. Neste sentido, cómpre salientar que a cifra de negocio que se estima que xerarán en Galicia as pezas para os ditos modelos ascende a 750 millóns de euros anuais, o que suporá un aumento nos próximos anos do 66% sobre os 470 millóns que euros que actualmente vende a industria de compoñentes instalada en Galicia a PSA.

O responsable do Goberno galego concluíu asegurando que esta primeira pedra que hoxe se pon, tamén o é para lograr que en 2020 se estea en condicións de superar as 500.000 unidades producidas pola planta de PSA en Vigo, a segunda máis produtiva de España.

Deja un comentario