+034 986 09 02 04 Luns 10 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

GONDOMAR, VILA DE CRUCES E O ROSAL RECIBIRÁN 400.000 € A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


En Gondomar vaise mellorar o camiño de Sequeiros e en Vila de Cruces e no Rosal realizaranse obras de mellora nos sistemas municipais de abastecemento

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos en outros tres municipios da provincia no marco do vixente Plan Concellos. Trátase de tres partidas por un total de 397.257,11 euros para Gondomar, Vila de Cruces e O Rosal.

Para Gondomar, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 165.075,55 euros para a reforma e pavimentación do camiño de Sequeiros dende a estrada PO-340, Fase I. A vila do Val Miñor ten este ano a súa disposición co Plan Concellos un total de 1.667.227 euros, un 77% máis que no exercicio anterior.

Para Vila de Cruces, a Deputación vén de aprobar unha achega de 79.920 euros que se destinarán para as obras de condución xeral de abastecemento aos lugares de Mosteiro, Senra e Cima de Aldea. A través do Plan Concellos, Vila de Cruces ten este ano 1.117.984 euros, case un 74% máis que en 2017.

Finalmente para O Rosal, o Goberno de Carmela Silva autorizou un investimento de 152.261,56 euros para financiar obras de mellora no sistema de abastecemento de auga no concello. O concello do Baixo Miño desistiu dunha obra anterior polo mesmo importe, aprobada a través do Plan do 2017 para o tratamento de auga no depósito de Martín, e solicitou o cambio de finalidade para esta nova actuación que vén de aprobarse en Xunta de Goberno. A través do vixente Plan Concellos, O Rosal ten destinados este ano 969.267,60 euros asignados neste exercicio, máis dun 74% que no exercicio anterior.

Deja un comentario