+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

O GOBERNO LOCAL APROBA UNHA PARTIDA DE 40.000 EUROS PARA A REMODELACIÓN INTEGRAL DO CAMPO DE FÚTBOL DE CAROI


Instalarase un gradarío, reformaranse vestiarios e cantina e renovaranse os acabados de fontanaría, saneamento e electricidade

O goberno local de Cerdedo-Cotobade vén de aprobar en pleno unha partida de 40.000 euros para acometer unha completa remodelación integral do campo de fútbol de Caroi no marco do seu Plan de Mellora de Infraestruturas Deportivas. A actuación, que é un compromiso do presidente municipal, Jorge Cubela, co clube da parroquia pola súa gran actividade e polas necesidades detectadas, consistirá na colocación dun gradarío, a ampliación, reforma e modernización das instalacións e o saneo interior das distintas estancias.

A modernización do recinto, cuxo proxecto xa está redactado, ía saír a licitación cunha partida das baixas obtidas noutros concursos de obras provinciais, pero xurdiu un pequeno problema polos prazos de xustificación e aprobación, polo que optouse por non arriscar para non perder o investimento e mudouse o xeito de financiamento. Así, vaise solicitar un cambio á Deputación de Pontevedra para que estas baixas se destinen ao arranxo de diversos camiños e vaise asumir a obra de Caroi con fondos propios. Para elo, aprobouse no pleno celebrado o xoves un crédito extraordinario polos citados 40.000 euros tendo en conta que existe liquidez suficiente.

Na actualidade, este campo de fútbol dispón dun único módulo construído que se adica a zona de vestiarios para os equipos local, visitante a arbitral, espazo para cantina e almacén e aseo. Durante os últimos tempos, os responsables do equipo solicitaron ao Concello a renovación destes espazos para optimizar as instalacións, a creación dun segundo aseo e a necesidade de contar cun pequeno gradarío para o público e a súa petición foi atendida polo presidente municipal “pola relevancia e gran actividade deportiva no recinto por parte da SD Caroi”.

As obras proxectadas consistirán na reforma interior dos vestiarios e a cantina, realizando previamente o desmontaxe de aparatos, así como as demolicións necesarias. Posteriormente, realizaranse os traballos de acabados en fontanaría, saneamento e electricidade e a instalación de carpintarías metálicas que favorezan o seu pintado para acadar unha mellora estética. Ademais, o novo gradarío vai ser construído con pezas prefabricadas sobre unha soleira e apoios de formigón para fornecer a estrutura, mentres que a escaleira de acceso ás bancadas será levantada tamén con materiais permanentes.

“A obra no campo do Caroi é un compromiso e unha necesidade, polo que considero que é fundamental garantir que se acometa e, como hai unhas diferencias de prazos coa Deputación para que nos aprobe a actuación, prefiro asegurala destinando fondos propios e directos e adicar os cartos das baixas provinciais a seguir, máis adiante, co arranxo de camiños, unha área na que sempre hai necesidades”, explicou Cubela.

Deja un comentario