+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O CONCELLO INFORMA QUE OS CANDIDATOS AO ALUGUER DAS VIVENDAS DOS MESTRES DE CERDEDO TEÑEN QUE INSCRIBIRSE ATA O DÍA 3


Os interesados en participar no proceso de adxudicación deben anotarse no rexistro de demandantes de vivendas protexidas de Galicia

O Concello de Cerdedo-Cotobade informa a todos os veciños que as persoas interesadas en optar a unha das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo, que acaban de ser rehabilitadas, co beneficio de só ter que sufragar un aluguer social dunha contía moi asequible deben inscribirse no rexistro de demandantes de vivendas protexidas de Galicia ata o vindeiro mércores, 3 de outubro.

Así, para ser candidato á adxudicación dalgunha das dúas primeiras casas restauradas, deberán formalizar o seu interese anotándose no rexistro autonómico e poden facelo ben de xeito presencial nas oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra (rúa Alcalde Hevia 7) ou ben a través da sede electrónica da Xunta.

Vencido este prazo, comezarase a baremar aos candidatos para proceder á concesión en réxime de aluguer social destas vivendas, correspondentes cos números 41 e 43 da rúa das Longas e calificadas de Protección Oficial de Promoción Pública. En principio, agárdase que este concurso se poida resolver no que resta de ano.

A primeira fase do proxecto de rehabilitación das dez Vivendas de Promoción Pública (VPP), emprazadas nas antigas casas dos mestres anexas ao colexio San Xoán Bautista de Cerdedo, vén de concluir tras desenvolverse ao longo deste ano cun investimento de 353.000 euros da Xunta de Galicia. Coa obra procedeuse ao acondicionamento integral da cuberta de todo o inmoble e dos espazos comúns destas instalacións e á restauración completa das dúas primeiras vivendas, que contan con dúas plantas dotadas de cociña, salón, cuarto de baño, tres habitacións e unha pequena zona axardiñada na parte traseira.

Tras este investimento, o goberno local xa está a traballar coa Xunta na execución da segunda fase, que contemplará a restauración das oito vivendas restantes cun custo duns 750.000 euros, o que elevará o orzamento total deste proxecto a 1,1 millóns de euros. O executivo agarda que estas novas obras se liciten neste mesmo ano e poidan comezar no seguinte exercicio.

Deja un comentario