+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

PONTE CALDELAS CREARÁ UNHA PEQUENA POZA DE BAÑO EN BALTAR ATENDENDO AS SUXESTIÓNS DA VECIÑANZA


O Concello recolle as peticións para converter unha presa de rego, situada no medio do pobo, en lugar de lecer para o verán

As infraestruturas veciñais para refrescarse nos días máis abafantes do verán medrarán en Ponte Caldelas en canto o Concello remate as obras de acondicionamento dunha presa de rego, situada na zona alta do núcleo de Baltar. A actuación segue as peticións da veciñanza e vai máis alá da limpeza que inicialmente ía facerse neste espazo.
O lugar de Baltar contra con tres presas de rego que, ademais, inclúen pías de lavala roupa. Están situadas a diferentes alturas na costa dun dos seus camiños principais. Cando o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) estaba comprometido a proceder a súa limpeza e ornato un grupo de veciños suxeriu unha actuación máis ambiciosa.
A presa que vai ser transformada nunha pequena poza para o baño está en moi boas condicións. Agora vaise proceder ao encintado e impermeabilización de tódalas xuntas e quedará lista para entrar en servizo. Forma parte dun conxunto que inclúe unha fonte e unha pía. Todo elo alimentado por unha mina de auga potable moi valorada pola veciñanza.
O Concello aceptou restaurar todo o conxunto, incluíndo unha pequena reforma da boca da mina, para levantar o bico da fonte e facilitar a recollida de auga, especialmente para as persoas maiores. Ademais mellorarase toda a contorna.
Ponte Caldelas xa conta cunha piscina veciñal, construída hai anos polos veciños de Tourón no lugar do Pío, ás beiras da Área Arqueolóxica. Ademais, en Xustáns quedou habilitada tamén unha antiga poza contraincendios que os máis mozos utilizan para bañarse durante o verán. O Concello procede á limpeza e mantemento destas infraestruturas impulsadas pola veciñanza e que considera todo un exemplo de sostibilidade e utilización racional dos recursos.

Deja un comentario