+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O IES VAL MIÑOR DE NIGRÁN ACOLLE ESTE MÉRCORES UNHA NOVA CHARLA DO CICLO “TEMPO DE SAÚDE” DIRIXIDA Á MOCIDADE


É un ciclo de conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude e á terceira idade

O Instituto de Ensinanza Secundaria Val Miñor de Nigrán acollerá este mércores a segunda charla do ciclo “Tempo de saúde”, unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posto en marcha entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A partir das 12,30 h., a doutora Olga Villar Moreira falará sobre nutrición e saúde ao alumnado do centro educativo, así como ao profesorado e público en xeral. A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, vai asistir tamén a esta segunda conferencia que se desenvolve despois da primeira que tivo lugar o pasado mes de xullo en Ribadumia.

“Tempo de saúde” é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para este programa.

En Nigrán, a doutora Olga Villar Moreira explicaralles aos mozos e mozas diversas cuestións relativas á nutrición e á saúde, ademais de favorecer un clima de diálogo para que todas as persoas asistentes participen na iniciativa preguntando e aclarando cuestións. O obxectivo é que todas as persoas que asistan ás charlas de “Tempo de Saúde” aprendan o máximo posible sobre os distintos temas que soen ser de moito interese para os colectivos aos que se dirixen.

Villar Moreira é xefa de unidade do Centro de Saúde de Gondomar dende febreiro de 2017 e médico de familia no mesmo centro dende maio de 2011. Ten unha ampla experiencia profesional de máis de 20 anos no ámbito da atención primaria como médico de familia en distintos centros de saúde das provincias de Pontevedra e de Lugo. É licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria.

Ao igual que en Nigrán, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á poboación moza, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. En canto á xente maior, as conferencias centraranse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e ansiedade. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.

Deja un comentario