+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

PONTE CALDELAS AFRONTA OS PROBLEMAS DE ACCESO A UN GRUPO DE VIVENDAS NA INSUA


O Concello dota de pluviais e pavimento de asfalto un camiño que foi obxecto dunha “chapuza” no mandato anterior

A aposta polo rural, que se está a traducir na reparación de camiños e infraestruturas nos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas, chega tamén á parroquia de A Insua, onde veñen de comezar as obras de reparación do camiño de acceso a media ducia de vivendas.
O Goberno municipal (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está realizando unha nova campaña de obras no rural coincidindo cos principais problemas postos de manifesto pola veciñanza dos diferentes lugares. A mellora dos pavimentos, a dotación de augas pluviais e reparación de muros de contención son o eixe principal destas actuacións.
O camiño da Insua conecta coa estrada autonómica e constitúe o único acceso a este grupo de vivendas, algunhas delas habitadas de xeito permanente, outras de xeito ocasional e algunhas en proceso de restauración.
O Goberno local atopouse con que os seus antecesores chegaron a facer unha obra parcial que quedou abandonada. Así, os algo máis de 100 metros de camiño contan con só parte do seu percorrido con tubo de recollida de augas pluviais. Sen embargo, nin chegaron a colocarse as grellas de fundición para tapar as arquetas. O resultado foi que o firme de formigón quedou parcheado e, co tempo, deteriorado. Máis aínda, a parte baixa do camiño, que serve a dúas vivendas quedou sen este servizo e, peor aínda, con firme de terra.
A actuación que se está a desenvolver consiste na instalación dun pozo de conexión entre a rede de pluviais a medio facer e o tramo que resta ata o fondo, ao obxecto de garantir unha correcta evacuación. Optouse por tubo de 250 mm, dimensionado ao volume de auga que será necesario desaloxar. Asemade, na parte inicial, onde está a maior pendente, colocaranse as grellas que faltan. Unha vez rematada a instalación deste servizo aplicarase “zahorra”, compactarase, e aplicarase unha capa de asfalto de 4 centímetros de grosor.

Deja un comentario