+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

RECORD DE VISITANTES NO ARABO DE ARBO COA VISITA DO TREN DA LAMPREA


O pasado sábado o Tren da Lamprea realizou parada en Arbo. Os pasaxeiros que ían a bordo do convoi puideron gozar pola tarde da impresionante panorámica das Pesqueiras do Río Miño, unha síntese perfecta entre arquitectura e enxeñería que durante moitos anos formaron parte da vida laboral e a economía dos arbenses, xunto coa pesca da Lamprea. Tras a bela estampa, visitaron o Arabo. Coa visita deste numeroso grupo, o centro de interpretación do viño e a lamprea de Arbo pecha un dos meses de maior afluencia da súa historia. Nos dous últimos fins de semana visitaron o museo preto de 600 persoas, reafirmado a forte estratexia de promoción que está a levar a cabo o Concello nos últimos tempos. Dividido en tres plantas, o Arabo fai un percorrido desde o Homo Neandertal Arcaico ata a actualidade, onde a historia antiga ten unha especial importancia para este concello: con máis de cincuenta conxuntos de arte rupestre (petróglifos), monumentos funerarios (mámoas), restos de ferramentas líticas, sen esquecer a obsesión polo ouro galego en tempos do imperio romano e as minas que nos deixaron. Noutra sala, podemos obter información sobre as principais adegas de Arbo, dentro da denominación de orixe Rías Baixas e sobre o ciclo vital da vide, así como dos procesos necesarios para obter viño e unha mostra de apeiros propios deste cultivo, podendo facer unha cata de viños da zona, por encargo, na sala de degustación. Subindo as escaleiras atopámonos cunha sentida homenaxe ao Miño e as especies que o habitan, pero moi especialmente á lamprea, o seu ciclo vital e as súas técnicas de pesca dunha forma agradable e visual.
Antes de volver ao tren, os pasaxeiros puideron deleitarse con suculentos viños da denominación de orixe Rías Baixas e un bo prato de Lamprea na Casa Grande A Almuíña.

Deja un comentario