+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O CONCELLO DE BUEU PON EN MARCHA AS ESCOLAS DE FAMILIAS


A destinada ás familias de alumnado de primaria comezará o próximo xoves, 4 de outubro, nas dependencias do CEIP A Pedra, e a de secundaria o 11 no IES Johán Carballeira
O Concello de Bueu, a través da Concellaría de Infancia e Mocidade dirixida por Macu Rodríguez, pon en marcha as Escolas de Familias, unha serie de obradoiros que servirán para que pais, nais, avós, e persoas educadoras compartan saberes sobre a crianza dos fillos e fillas de todas as idades.
De cara á mellor organización e tratamento dos temas, haberá unha escola destinada aos pais e nais do alumnado de infantil e primaria, que comezarán o próximo xoves, 4 de outubro, ás 19.00 h no CEIP A Pedra. Entre os contidos que se van tratar están a resolución de conflitos de xeito positivo, o vínculo afectivo e a súa importancia no desenvolvemento infantil, as novas tecnoloxías, e os estudos dos fillos/as.
Os pais e nais do alumnado de secundaria tamén poderá participar noutras escolas, que arrancarán o xoves 11 de outubro nas dependencias do IES Johán Carballeira e nas que se tratarán temas como o control persoal na xestión de conflitos, o benestar emocional na familia, as novas tecnoloxías e o acompañamento dos fillos/as para reforzar a súa autoestima.
As sesións serán quincenais e as persoas interesadas en participar poderán inscribirse gratuitamente nos centros de ensino do municipio.
As escolas de familias son un espazo para reflexionar e dialogar sobre a crianza e as relacións familiares. Mediante a presentación dun tema, segue despois unha charla – coloquio entre os/as participantes, polo que se aprenderá a comportarse ante novas situacións, a reaccionar ante certas actitudes, e a afrontar dificultades na relación cos nenos e nenas fomentando a educación emocional.
Esta actividade forma parte do programa de obradoiros sociais que o Concello pon en marcha e que atenden a diversos colectivos. Así, xa desde principios de ano estanse desenvolvendo os talleres de memoria para persoas maiores, tanto na Casa do Pobo de Beluso como no Centro Social do Mar.

Deja un comentario