+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

A PLATAFORMA DA PO-234 REACTÍVASE DIANTE DOS INCUMPRIMENTOS DA XUNTA NA EXECUCIÓN DA OBRA


Reúnese co alcalde de Ponte Caldelas e anuncia a solicitude urxente dunha entrevista coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda

Á veciñanza de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, aglutinada en torno á Plataforma da PO-234, esgotóuselle a paciencia. Despois de case dous anos agardando o cumprimento dos compromisos públicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, veñen de confirmar que retoman a actividade a través dunha solicitude de entrevista urxente coa conselleira, Ethel Vázquez.
A Plataforma comezou esta nova andaina cunha xuntanza co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e continuarán falando co rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. A razón está no malestar coa Consellería de Infraestruturas, que anunciou que comezaría a licitación dos dous tramos da estrada que faltan por executar (ambos no termo municipal de Ponte Caldelas) ao longo do ano 2017. Porén, a piques de rematar 2018, non hai novas.
A Plataforma fuxe de calquera confrontación política e destaca que o seu obxectivo é a seguridade viaria dos usuarios dunha estrada moi perigosa que xa é centenaria, pois foi construída en 1914. Unha estrada que é a única vía de comunicación entre Augasantas e Valongo con Ponte Caldelas.
O Concello de Ponte Caldelas, diante da negativa da Consellería a expropiar nunha estrada da súa titularidade e competencia, comprometeuse en xaneiro de 2017 a cofinanciar as obras cunha achega de 40.000 euros, cifra mesmo superior aos 29.800 euros nos que foron valorados os terreos afectados.
A Consellería dividiu a obra (de só 6 Km) en tres fases. Hai catro meses que rematou o tramo de Augasantas a Portasouto, pero os veciños de Augasantas e Valongo non observan ningunha mellora. “Nós non imos a Portasouto, senón que facemos vida e temos os servizos en Ponte Caldelas, así que non nos solucionaron nada, seguimos igual, porque as curvas máis perigosas e estreitas están en Laxoso”. Ademais, sinalan varios defectos no tramo reparado, onde persisten dous pasos complicados e unha curva co peralte cambiado.
A agrupación, constituída democraticamente entre os veciños dos dous concellos, destaca que naceron da insatisfacción xerada tras 11 anos de promesas incumpridas. A Plataforma recorda que a exposición pública do proxecto e da relación de bens e dereitos afectados do segundo tramo (o que se ía licitar en 2017), rematou hai máis dun ano sen ningunha alegación e, dende entón, o expediente está parado nun caixón de Santiago mentres se van licitando outras obras menos necesarias e que tiñan unha tramitación máis atrasada.
Andrés Díaz, pola súa parte, expresou todo o seu apoio á Plataforma veciñal de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade. Reafirmou o compromiso do Concello caldelán para contribuír ao remate dunha obra que xa debería estar rematada hai moito tempo. Reiterou a dispoñibilidade do Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) para cofinanciar as obras desta estrada autonómica, un fito insólito en Galicia e mesmo en España, poñendo a seguridade viaria por enriba de calquera outra consideración. “Hai xente interesada en confundir alegando que aquí hai un conflito político”, explicou, “pero o certo é que a estrada foi comprometida no ano 2011 e non se fixo, a pesar de que durante moito tempo o PP gobernou neste Concello, na Deputación e na Xunta de Galicia”.

Deja un comentario