+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O CONCELLO INICIA AS OBRAS DE REFORMA INTEGRAL DA CASA DO POBO DE ALMOFREI CUN INVESTIMENTO DE 40.000 EUROS


Terá nova cuberta e fiestras para mellorar as condicións térmicas e recibirá limpeza da fachada, pintado e resolución de humidades

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de iniciar as obras de mellora e remodelación integral da Casa do Pobo de Almofrei cun investimento de 40.000 euros e que se enmarcan no Plan de Centros Veciñais 2019, co que o goberno municipal pretende reformar ou dotar a practicamente todas as parroquias dun local social moderno e nas mellores condicións na presente lexislatura municipal.

Os traballos, que veñen de arrancar coa instalación de andamiaxe e a realización das tarefas previas, incluirán o cambio completo da cuberta co obxectivo principal de mellorar as condicións térmicas do interior do inmoble, a execución da limpeza da fachada, o pintado de todas as instalacións e a resolución dunhas recorrentes humidades.

Así mesmo, tamén vaise proceder á renovación de todas as fiestras, que finalmente serán de madeira no canto das de PVC proxectadas inicialmente por esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio, que tivo que valorar o contido deste proxecto do edificio, situado no lugar de Arrotea, pola súa proximidade coa igrexa parroquial de San Lourenzo. Precisamente a análise que tivo que efectuar este organismo autonómico foi o que motivou o adiamento desta obra, prevista para o ano pasado.

O presidente municipal, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción por superar os atrancos que retrasaron este proxecto e calificou a obra de fundamental “para dotar a unha parroquia tan importante como Almofrei dun local nas mellores condicións e que ademais outorgará máis confort ás moitas actividades e á dinámica vida social da súa veciñanza”. Ao respecto, calculou que os traballos estarán rematados antes de que conclúa o presente exercicio.

Finalmente, destacou os importantes investimentos realizados en Almofrei nos últimos meses, como a consolidación da ponte medieval, a construción do novo campo da festa, o remate do saneamento de Arrotea ou a mellora de vías e a construción de muros de contención en Xesteira, e anunciou que nas vindeiras semanas arrancará outro coa mellora e ampliación do vial Xesteira-Arrotea cun orzamento de 77.000 euros.

Deja un comentario