+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MESTRES E MESTRAS COMPOSTEIROS DO PLAN REVITALIZA DA DEPUTACIÓN REPARTEN MEDIA TONELADA DE COMPOST ENTRE A VECIÑANZA DE MONDARIZ


Uns 60 nenos e nenas do colexio aprenderon que é a compostaxe e plantaron sementes co fertilizante producido no centro comunitario da Praza da Ovella

Persoal técnico e mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra instalaron hoxe unha carpa informativa na Praza de España de Mondariz e repartiron preto de media tonelada de compost producido no centro de compostaxe comunitaria situado na Praza da Ovella para dar a coñecer as vantaxes da compostaxe entre a veciñanza.

O centro de compostaxe comunitaria do que se obtivo o compost dá servizo aos edificios da rúa Rampa de Merouces, a carón do concello, dende o 25 de febreiro deste ano. A veciñanza da zona deposita alí diariamente os seus residuos orgánicos (restos de comida cociñada ou crúa e vexetais) e despois o persoal técnico vixía que o proceso de compostaxe se realiza coa máxima calidade ata que se obtén o compost final. Dado o seu bo funcionamento (xa se levan producido e cribado dous lotes de compost), está previsto ampliar o centro comunitario para atender tamén aos produtores singulares desa área, tales como cafeterías, centro de día, e outros establecementos.

Durante o reparto do compost foron moitos os veciños e veciñas que se achegaron á carpa informativa co fin de coñecer máis polo miúdo o proceso de compostaxe. Alí o persoal técnico explicou que compostar é moi sinxelo, xa que a cidadanía só ten que levar ao composteiro os seus residuos orgánicos e tapalos con restos leñosos e secos, o que se denomina estruturante.

Os mestres e mestras responsables do plan de compostaxe en Mondariz tamén indicaron que este modelo de xestión do lixo ten moitas vantaxes ambientais e reduce custos económicos para o Concello, posto que os biorresiduos trátanse no mesmo lugar no que se xeran, e polo tanto non é preciso recollelos nin levalos a queimar a Sogama.

Ademáis da veciñanza en xeral, tamén se achegaron á carpa informativa 60 nenos de entre 3 e 6 anos do colexio de Mondariz. A esta rapazada ensinóuselle o funcionamento do centro comunitario de compostaxe, cribouse compost con eles (pasando pola peneira o fertilizante recén sacado do composteiro para só deixar as partes máis finas), e plantáronse algunhas sementes en sementeiros que despois levaron para a casa.

 

Mondariz, un dos concellos á cabeza
Compostar vai ser unha obriga a curto prazo para calquera municipio, xa que a normativa estatal e europea establece que se deben recoller e tratar por separado o 100% dos biorresiduos de cara a 2020. Dado que Mondariz está a traballar nesa dirección xa na actualidade ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación -sendo un dos concellos á cabeza na provincia-, cumprirá perfectamente coa lexislación en tempo e forma.

Nos vindeiros meses, e tamén ao abeiro do Plan Revitaliza, está previsto instalar dez novos centros de compostaxe comunitaria en diversos puntos do centro de Mondariz para que a veciñanza que vive en edificación vertical poida depositar neles o seu lixo orgánico.

En canto á compostaxe individual, lévanse repartido 500 composteiros por todo o concello. A distribución foise facendo parroquia a parroquia e chegarase á totalidade nas vindeiras semanas. De feito, as seguintes reunións serán na propia parroquia de Mondariz, en Riofrío, e en Vilar. Para completar o reparto, volverase a facer unha segunda quenda de entrega de composteiros individuais, polo que a xente que non puido recoller o seu poderá facelo nesa ocasión.

Por outra parte, o Concello ten previsto habilitar unha zona de recollida de poda, onde a veciñanza poderá deixar a poda das súas árbores e leiras. O concello trituraraa e o resultado, un estruturante seco, utilizarase tanto na compostaxe comunitaria como individual. Avisaráselle á cidadanía cando esta zona estea habilitada.

Deja un comentario