+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

MEDIO AMBIENTE ASIGNA PRETO DUN MILLÓN DE EUROS ÁS ÁREAS DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA


Os fondos concedidos a Pontevedra supoñen preto do triplo dos 309.415,92 euros certificados por este municipio no marco do antigo plan de vivenda 2013-2016
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará un total de 843.905,45 euros ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Pontevedra, o que supón preto do triplo dos fondos executados polo concello no marco do plan de vivenda 2013-2016, no que certificaron ata o momento a execución dun total de 309.415,92 euros, pouco máis do 38% dos fondos asignados.

Ademais da contía que se lle asigna neste reparto, o Concello de Pontevedra dispón de máis de 900.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015, que foron prorrogados para que a cidade non perdese ese importe, e 329.991,06 euros correspondentes aos convenios asinados en outubro de 2017. Tendo isto en conta, a cidade de Pontevedra disporá en total de 2,07 millóns de euros para poder investir en actuacións nas ARI’s declaradas na cidade.

O reparto realizado pola Xunta dos fondos dispoñibles responde, entre outras cuestións, á capacidade de execución demostrada por cada concello nos últimos anos. Por este motivo, Pontevedra -pese a ter solicitado en 2018 a asignación de máis de dous millóns de euros (unha contía 6,5 veces superior ao executado nos últimos anos)- recibirá unha contía máis acorde á xestión realizada. O IGVS defende que a asignación de fondos que non van ser executados prexudica aos concellos máis eficientes e pode supoñer para Galicia a perda de fondos, xa que as contías achegadas polo Ministerio de Fomento que non se executen teñen que ser devoltas.

Así mesmo, outros dous concellos da comarca de Pontevedra tamén se beneficiarán do reparto de 2018. Concretamente, ao Concello de Marín, que ten máis de 413.000 euros pendentes de execución, correspóndenlle este ano 594.809,61 euros; e ao de Poio, con preto de 57.000 euros por executar, asígnanselle 343.184,38 euros.

No conxunto da comunidade, a Xunta de Galicia destinará este ano ás áreas de rehabilitación integral un total de 17.915.000 euros, dos que 13,13 millóns son achegados polo Ministerio de Fomento e 4,78 millóns polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Estes fondos repártense entre todos os concellos con ARI declaradas que o solicitaron despois da convocatoria publicada polo IGVS no pasado mes de agosto.

Un total de 35 concellos, dos 41 que contan con ARI, pediron a asignación de fondos para 54 áreas de rehabilitación integral das 69 existentes. No reparto non está incluída a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.

Convocatoria municipal
O seguinte paso será asinar un convenio con cada concello, para que a administración municipal poda proceder á convocatoria das axudas, que deberán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.

A estas axudas poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes asociativos de xestión.

Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.

Subvencións
O importe das axudas contemplan ata un 40 % do custe subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou se acredite que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

A achega máxima da axuda estatal por vivenda será da seguinte contía:
• 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
• 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
• 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
• 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos.
• 1.000 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar a xestión e os equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.

Cómpre destacar que as axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

O importe das axudas autonómicas terán unha contía máxima:
• 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención exceda do 10% do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.
• 1.500 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

Deja un comentario