+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

BENÍTEZ SUPERVISA AS OBRAS DE MELLORA DA ACCESIBILIDADE NA CONTORNA DA SEDE DE COGAMI NO REBULLÓN


O deputado destaca que a Deputación ten como máxima fomentar a mobilidade inclusiva en todos os proxectos nas estradas provinciais
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez supervisou  as obras de mellora da accesibilidade na contorna da sede de Cogami no Rebullón, na estrada provincial EP-2605 Rebullón-Cuvi, acompañado polo presidente da confederación, Anxo Queiruga, e da alcaldesa de Mos Nidia Arévalo. O responsable provincial salientou a súa satisfacción pola finalización dos traballos e polo feito de que as persoas usuarias do centro de recursos poidan moverse con seguridade polas inmediacións da vía provincial, xa que agora dispoñen dun novo itinerario accesible que conecta cunha parada de autobús, o Centro de Saúde de Mos, o Centro Cultural As Pedriñas, e as áreas de ocio e zonas verdes que hai nas inmediacións.
O proxecto, segundo explicou Benítez, tivo dous obxectivos claros: a mellora da permeabilidade peonil e o calmado do tráfico para conseguir unhas condicións óptimas de seguridade. A principal actuación foi a execución dun novo tramo de beirarrúa en formigón ata a área de equipamentos de lecer situados arredor do punto quilométrico 0+300 (zonas verdes, zonas de merenda e un campo deportivo propiedade da comunidade de montes).

Acompañando a este novo treito de beirarrúa reparouse e ampliouse a beirarrúa existente ata os dous metros e medio de largo, construíuse un paso peonil sobreelevado (PPS), un redutor físico de velocidade de vehículos (RFVV), e por último ampliouse a beiravía dende o PQ 0+000 ao 0+120. Por outra parte, aproveitouse para instala novos servizos de drenaxe de pluviais, coa instalación de dúas tubaxes de recollida.

Segundo explicou Benítez, o proxecto de mellora da contorna da sede de Cogami foi solicitado polos representantes da federación e aceptado de inmediato por parte da Deputación, xa que encaixaba coa filosofía que o departamento de Mobilidade está a desenvolver, con actuacións nas que o principal é atender as necesidades das persoas vulnerables nas estradas: nenos e nenas, persoas con mobilidade reducida, persoas maiores ou ciclistas.

“A nosa estratexia pasa por deseñar proxectos enfocados a unha mobilidade segura, amable e inclusiva para todas as persoas. Os colectivos vulnerables teñen todo o dereito a gozar dos espazos públicos e a moverse con seguridade nas estradas”, explicou. Asegurou, de feito, que todos e cada un dos proxectos de infraestruturas que a Deputación realiza a día de hoxe son sensibles ás necesidades de toda cidadanía en xeral: “A nosa máxima é traballar na rede de estradas provinciais con criterios de accesibilidade universal, xa que se os proxectos que valen para a xente vulnerable, valen para todos”, apuntou.

Benítez tamén destacou o traballo conxunto da Deputación e Cogami, a quen agradeceu a súa colaboración no deseño de actuacións, así como a participación na Mesa provincial pola accesibilidade creada pola institución provincial. Tamén salientou que en breve se celebrarán unhas xornadas de accesibilidade para o persoal técnico de todos os concellos da provincia.

 

Pola súa banda, Anxo Queiruga, presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) destacou que é preciso traballar dende as institucións para que se normalice a situación das persoas con discapacidade, que na Galiza son o 10% da sociedade, e se aproveite o seu coñecemento e a súa visión en todos os campos.

En relación ás obras de mellora da estrada provincial, Queiruga agradeceu a colaboración da Deputación para solucionar a eiva de accesibilidade que había no acceso ao centro e ás inmediacións. “Queriamos que vir ao noso centro non fora un risco para as persoas que veñen ás actividades”, explicou, para engadir que houbo unha reunión co deputado, que este visitou as instalacións e que o compromiso foi inmediato. “Foi algo automático. Viron tecnicamente como resolvelo e xa é unha realidade executada”, salientou.

Finalmente, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu á Deputación ter feito unha obra que “facilita o día a día” das persoas usuarias do centro de recursos de Cogami. “É importante que as administracións estean comprometidas coas persoas que teñen algunha discapacidade, algunha dificultade para facer a súa vida normal. Eses fondos deben estar sempre nun orzamento para mellorar a calidade de vida”, apuntou.

Deja un comentario