+034 986 09 02 04 Martes 14 de Xullo de 2020

O MUSEO INVOLÚCRASE NAS ACTIVIDADES PARALELAS DO NOVO CANTOS NA MARÉ


O deputado Xosé Leal destaca que a programación permitirá dar a coñecer os fondos a novos públicos

 

O Museo de Pontevedra vai ser protagonista das actividades paralelas do novo festival ‘Cantos na Maré’ que terá lugar do 11 ao 14 de outubro en varios espazos da cidade de Pontevedra. A súa implicación no evento cultural permitirá desenvolver tres tipos de actividades a partir dos contidos e da oferta cultural propia: unha perfomance coa que rematará un percorrido polos fondos de Castelao; un mini-ciclo de cine con tres documentais sobre outras personalidades destacadas na música da Lusofonía (Cesaria Évora, a brasileira María Bethania e máis o Zeca Afonso); e senllos eventos culturais e musicais pegados á tradición musical de Pontevedra e Galicia.

Estas actividades foron presentadas hoxe no propio Museo polo deputado de Cultura Xosé Leal, o director do Museo Carlos Valle e o director do festival Fran Rivera. Leal asegurou que para o Museo de Pontevedra é un orgullo entrar na ambiciosa programación dun festival de tan alta calidade como ‘Cantos na Maré’, xa que permitirá dar a coñecer os fondos propios a novos públicos que a día de hoxe non teñen gran relación coa institución museística.

A perfomance ‘Unha faba, Unha vida’ é unha creación das artistas mariñás Ugia Pedeira e Marina Oural. Os textos son de Oural e as músicas foron creadas por Pedreira. O espectáculo, desenvolto a partir de conceptos que en moitos casos tamén estiveron no cerne da obra de Castelao, servirá como peche ao percorrido dos asistentes a Cantos na Maré polos fondos do político e intelectual rianxeiro no Museo de Pontevedra.

Pola súa parte, o ciclo Cinemaré servirá para presentar tres documentais vencelllados tanto á programación musical coma a algún dos países dos que proceden as músicas presentadas nesta decimocuarta edición de Cantos na Maré.

Aires d’a Terra
Coas propostas chegadas de países africanos, e arredor da riqueza cultural dos fondos do Museo
de Pontevedra, dialogan dous eventos que parten da tradición de Pontevedra e Galicia.
Por unha parte, e coa participación de músicos como Suso Vaamonde ou Xosé Lois Romero, está a presentación do Coro Aires d’a Terra, unha iniciativa que recupera o repertorio e as formas da que foi a primeira agrupación coral creada en Galicia. Fundado en 1883 polo gaiteiro e boticario Perfecto Feijóo, o coro Aires d’a Terra mantivo a súa actividade ata 1914. Recuperada a súa proposta nos últimos anos, a proposta poderá escoitarse no Sexto Edificio do Museo logo dun percorrido pola colección da institución guiada por Xurxo Souto.

A Banda de Música de Pontevedra tamén estará presente en Cantos na Maré. E farao nun dos recintos do Museo e na que é unha das edificacións máis importantes da cidade: as Ruínas de San
Domingos. A súa actuación, que vai da man dun percorrido polas Ruínas, será unha das actividades coas que o novo Cantos na Maré despedirá a súa decimocuarta edición.

Do 11 ao 14 de outubro
O novo Cantos na Maré terá lugar en varios espazos da cidade de Pontevedra dos días 11 ao 14 de outubro, combinando concertos de pagamento e de balde con outras actividades musicais e culturais para todos os públicos. Deste xeito inicia unha nova etapa aberta a novas culturas e novas experiencias, pasando de ser un festival dun día a outro de catro días.

Entre os artistas do cartel deste ano podemos atopar grandes nomes da Lusofonía como a portuguesa Teresa Salgueiro, ex vocalista de Madredeus; o brasileiro Chico César, un dos “fundadores” do festival; as rapeiras Capicúa e Eva RapDiva desde Portugal, xunto coa galega Wöyza; o rock e o kuduro de Throes & The Shine (Portugal/Angola); a mozambicana Selma Uamusse; a brasileira Bia Ferreira; o proxecto Coladera liderado polo brasileiro Marcos Suzano, un dos mellores percusionistas do mundo; e o caboverdiano Mário Lúcio, músico e poeta, ademais de ex ministro de Cultura de Cabo Verde. Tamén participará o picadiscos portugués DJ Riot.

A presenza galega está encabezada por unha Mercedes Peón que presentará aquí o seu quinto disco, ‘Deixaas’; ademais de Eladio y los Seres Queridos, Vudú, García MC & Nación Quilombo acompañado polo pianista cubano Alejandro Vargas, Os Meninos e DJ Mil, que presentará o seu proxecto audiovisual “Phonorama”. A clausura do festival terá lugar o domingo 14 de outubro, cun espectáculo moi especial no Évora (Portugal). Trátase de Ath-Thurdá, promovido polo concello de Évora dentro das accións promocionais para a candidatura de Évora como Cidade Europea da Cultura en 2027 no que participarán artistas como Kepa Junkera, alén doutros músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade, entre outros.

Deja un comentario