+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

CONCELLO DE NIGRÁN E ZONA FRANCA CHEGAN A UN ACORDO PARA REHABILITAR E POR EN FUNCIONAMENTO O MUÍÑO DE PORTO DO MOLLE


A construción tradicional, unha das máis grandes da comarca, permanece en estado ruinoso ao carón do río Muíños dende hai máis de trinta anos

Concello de Nigrán e Zona Franca de Vigo chegaron a un acordo para rehabilitar e por en funcionamento o muíño de Porto do Molle, situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en ruínas dende hai máis de 30 anos. Así, o Consorcio presidido por David Regades asumirá o custe do proxecto básico que o arquitecto Francisco Márquez Taín elaborou no 2013 (coincidindo co desenvolvemento do parque) e que cifra a intervención en 173.500 €. Pola súa banda, o Concello de Nigrán será responsable, unha vez finalizada a obra, do seu mantemento e conservación tendo ademais a obriga de darlle un uso de interés cultural compatible co funcionamento auxiliar do propio muíño (o proxecto contempla por en funcionamento unha das súas moas para amosar a actividade de antaño e, ao mesmo, tempo un local na edificación anexa cuxo uso específico deberá definir o Concello).
“Esta era unha petición antiga do goberno de Nigrán e que David Regades sí acolleu con entusiasmo, feito que agradecemos enormemente”, sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen reitera a importancia de “por o elemento en valor respetando ao mesmo tempo o seu interese histórico, etnográfico, tipolóxico e arquitectónico”.
Este muíño de Porto do Molle, un dos máis grandes da comarca con 25×6,5 metros de planta e tellado a tres augas, consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volumen no que o sótano está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que ía a auga tras moverse o mecanismo de rotación. Está catalogado como Ben de Interés Cultural (BIC) cun grao de protección non integral e non está datado na súa ficha, estimándose a súa orixe no século XVIII. As obras e movementos de terra no parque empresarial implicaron soterrar a súa canalización de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que actualmente non poderían funcionar os mecanismos, sen embargo, o proxecto contempla activalo creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción.
Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, implica repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa desaparecidos de roturación e trituración. Paralelamente, a contorna será dotada de mobiliario urbano como bancos ou iluminación mediante balizas.
“Esta actuación supón a guinda ao proxecto que estamos levando adiante de recuperación das marxes do río Muíños e cuxa obra estará finalizada en decembro. É unha noticia importantísima dende o punto de vista cultural e etnográfico”, conclúe o alcalde.

Deja un comentario