+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

CUBELA ANUNCIA A CREACIÓN DO PARQUE INFANTIL E A MELLORA DA CASA DO POBO E DAS PISTAS DE VIASCÓN CON 170.000 EUROS


A zona tamén se beneficiará coa creación do gran Centro BTT, que será a referencia provincial deste deporte e instalarase en Atalaia

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou na xornada de hoxe a inmediata posta en marcha do Plan Parroquial de Viascón, que contempla a creación dun novo parque infantil, o acondicionamento da Casa do Pobo e a mellora de diversas pistas municipais como principais actuacións, o que suporá un investimento global no que resta de ano de 170.000 euros.

O Plan Parroquial de Viascón, cuxo deseño acaba de rematarse, é o quinto elaborado polo goberno local desde o mes de xuño no termo municipal tras os impulsados en Tenorio, Carballedo, Almofrei e Augasantas. En principio está previsto que no derradeiro trimestre do ano queden definidos os das restantes parroquias.

As actuacións contempladas veñen de iniciarse coas obras de recuperación e posta en valor da Fonte do Castro, que están a ser realizadas pola brigada municipal de Obras. A continuación , e dentro desta última parte do presente exercicio, arrancarán a creación do parque infantil, na que se investirán 39.000 euros, e a reforma da Casa do Pobo, á que se adicarán 30.000 euros ao abeiro do Plan de Centros Veciñais 2019. O goberno local tamén contempla o acondicionamento de gran parte da rede viaria municipal de Viascón cunha partida de 100.000 euros.

A maiores, está previsto que a parroquia se beneficie, aínda que polo momento non hai data, da creación dun gran Centro BTT, que quedaría instalado en Atalaia e será a principal referencia provincial deste deporte, atraendo ata Viascón a centos de ciclistas, especialmente durante as fins de semana. Este proxecto leva meses perfilándose con colectivos e empresas especializadas e agárdase que vexa a luz entre finais de ano e comezos de 2019.

Cubela destacou que, cos vindeiros investimentos e os xa acometidos ao longo do ano, a parroquia terase beneficiado de 400.000 euros en actuacións “que consideramos necesarias para unha zona tan importante e poboada e que incrementan a calidade de vida dos veciños”. Neste senso, lembrou a execución do saneamento de A Costa, Bouza e Cuiñas, as acometidas da estrada cara Camiño Novo, o acceso peonil á igrexa, a construción de muros de contención de

seguridade en camiños de Cuiñas e Camiño Novo, a consecución dunha partida de 12.000 euros para abastecemento en Cabanelas ou a mellora das canalizacións de augas en diversos puntos.

Deja un comentario