+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

ÁUREA COMPLETA O DESPREGUE TOTAL DA SÚA REDE DE FIBRA ÓPTICA EN PONTE CALDELAS NO PRÓXIMO MES


A empresa pon en marcha un novo servizo de telefonía fixa, á medida dos emigrantes, que evita os custos de alta e baixa na liña

O operador de telecomunicacións Áurea, nacido hai dous anos en Ponte Caldelas, completará o próximo mes de febreiro o despregue da súa rede de fibra óptica de alta velocidade no municipio. O operador caldelán vén de obter unha subvención de 56.294,98 euros da Sociedade da Información e a Axenda Dixital, organismo adscrito ao Ministerio de Industria do Goberno de España.
Así llelo comunicaron ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, a directora xerente, Beatriz Estévez e o administrador da empresa, Marcial Estévez. O investimento total para levar a fibra aos últimos núcleos por conectar (A Fraga, Rebordelo, Regodobargo, Gradín, Contixe, Ramís, Pousa e Covelo) ascende a 70.368,72 euros.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está moi satisfeito do servizo que está a prestar Áurea que, de feito, é o provedor de servizos de telefonía e datos do propio Concello cunha velocidade de 300 megas ao segundo.
A circunstancia de contar cunha empresa local, que ademais é o único operador galego en activo, situou a Ponte Caldelas á vangarda deste servizo. A día de hoxe, dispoñen de fibra óptica os núcleos de Aluncía, Anceu, Baltar, Barbudo, Buchabade, Caldelas, Caritel, Chaín, Chan do Casal, Cuñas, Esfarrapada, Forzáns, A Insua, Laxoso de Arriba, Laxoso de Abaixo, Mirón, Parada, Paradela, Pazos, A Reigosa, A Roca, Santa Ana, Silvoso, O Sobreiro, Tourón, Vilarchán e o propio centro urbano de Ponte Caldelas.
Sen embargo, o Concello de Ponte Caldelas está preocupado pola situación do núcleo de Taboadelo, o único do municipio que non está cualificado como “zona branca”, ao ter sido obxecto dunha subvención concedida polo Goberno de España no ano 2017 a Telefónica. A empresa ten prazo ata o remate de 2019 para conectar Taboadelo á alta velocidade. O resultado é que Áurea, que podería comezar de seguido a despregar fibra, debe agardar a que Telefónica se decida. Andrés Díaz, que non descartou que o Concello se dirixa a Telefónica e/ou ao Ministerio de Industria para expresar a súa inquedanza, sinalou que estas son as consecuencias da insensibilidade das multinacionais, compañías desapegadas do territorio, pero tamén das Administracións que outorgan os seus paquetes de subvencións sen criterio social. Neste senso, puxo como exemplo que a última convocatoria da Xunta de Galicia foi integramente para Telefónica,que obtivo así 14,2 millóns de euros mentres se desestimaban tódalas demais solicitudes, entre elas a do operador caldelán.
Por outra banda, Áurea anunciou a implantación dun novo servizo de telefonía fixa para os seus clientes caldeláns, consistente en dúas tarifas planas de 19 euros ao mes (chamadas a fixos) e de 25 euros ao mes (chamadas a fixos e 1.000 minutos a móbiles). Trátase do novo “Servizo Vacacións”, especialmente pensado para os emigrantes, que adoitan volver en determinadas épocas do ano e que, a partires de agora disporán dun contrato á súa medida que só obriga ao pago dunha cota de mantemento de 9,99 euros cando están fóra.
Áurea, nacida dentro do grupo empresarial Enermol (Eléctrica Los Molinos), ofrece Internet de banda ancha con tecnoloxía FTTH (fibra directa ata o fogar) e ten como obxectivo chegar a 3.400 fogares en Ponte Caldelas.

Deja un comentario