+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

NOVO REPARTO DE COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS DO PLAN REVITALIZA EN O GROVE


Será mañá xoves na casa da cultura ás oito da tarde

O Concello de O Grove, ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación, vai realizar un novo reparto de composteiros individuais entre a veciñanza. O reparto será mañá xoves ás oito da tarde na casa da cultura. Alí poderán acudir todos os veciños e veciñas propietarios de casas unifamiliares con finca que xa foron citados de forma persoal polo persoal técnico provincial, e tamén aqueles outros que aínda non teñen o seu composteiro e se queiran adscribir ao plan de forma inminente.

O Concello de O Grove é un dos máis adiantados da provincia en materia de compostaxe de residuos e grazas á adhesión ao Plan Revitaliza poderá cumprir coa inminente nova lexislación en materia de lixo municipal, que obrigará a recoller e compostar de xeito separado o 100% dos biorresiduos.

Ademais dos composteiros comunitarios instalados, que dan servizo a zonas de poboación máis densa e tamén a produtores singulares, pouco a pouco as vivendas do concello que dispoñen de leira terán o seu composteiro para compostar o lixo orgánico que xeran no seu domicilio.

Segundo explica Carlos Silva, técnico de residuos da Deputación, estase a citar por teléfono á veciñanza de xeito personalizado. Nos repartos, que incluirán tamén explicacións formativas sobre compostaxe estarán presentes tanto a equipa do Plan Revitaliza (mestras e mestres composteiros), persoal técnico da asociación ecoloxista Amigos da Terra, así como responsables municipais.

Na reunión entregarase a cada veciño e veciña un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Na charla explicaranse os motivos polos que é importante a xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas do novo sistema de xestión dos residuos en ambas vilas, así como do funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante.

O representante de Amigos da Terra (AdT) explicará cuestións xerais sobre o lixo, apuntando que máis da metade do que se produce nos domicilios é de tipo orgánico, e que non é eficaz nin económica nin ambientalmente falando levalo a queimar a Sogama. Tamén falará dos beneficios da compostaxe, indicará como se debe instalar o composteiro individual (COIN) na finca, os materiais compostables e os que non se deben botar no COIN , así como a importancia de aportar estruturante cando se depositan restos orgánicos.

É preciso lembrar que durante os primeiros doce meses nos que a veciñanza comece a compostar os seus residuos orgánicos nos COIN do Plan Revitaliza, as persoas usuarias van dispor de asesoramento e seguimento directo, xa que recibirán unha media de tres visitas domiciliarias das técnicas de Amigos da Terra. Nestas visitas o persoal comprobará que o proceso se fai correctamente medindo todos os parámetros, e resolverá dúbidas. Tamén estará a disposición da cidadanía o persoal técnico da Deputación.

Deja un comentario