+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA “BUSCA DETECTIVES” PARA O CASTELO DE SOUTOMAIOR


O goberno de Carmela Silva presenta unha ampla programación con visitas teatralizadas e guías didácticas, entre as que se levarán a cabo neste último trimestre do ano

“O impulso de materiais didácticos converte á institución provincial nunha administración pioneira porque non hai outro castelo en Galicia que conte con este tipo de recursos”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe en rolda de prensa a ampla programación que se vai desenvolver no Castelo de Soutomaior durante o último trimestre do ano, un “ambicioso programa para a posta en valor do patrimonio e do modelo turístico da provincia de Pontevedra”. Silva anunciou a posta en marcha, o vindeiro 14 de outubro, da terceira edición das visitas teatralizadas do Castelo de Soutomaior “co obxectivo de darlle máis contidos ás familias, un dos públicos prioritarios aos que queremos dirixir o noso proxecto turístico”.

Máis polo miúdo, trátase de dez funcións de aproximadamente 45 minutos que se levarán a cabo os días 14,20,21 e 28 de outubro, ás 12 e as 17h, e o 4 de novembro, ás mesmas horas. A empresa Troula Animación S.L. será a encargada de executar estas visitas teatralizadas, nas que achegarán ás familias as historias desde un punto de vista próximo, divertido e participativo. Máis polo miúdo, para levar a cabo a actividade vanse aproveitar as salas interactivas do castelo e, deste xeito, os participantes farán un percorrido polo edificio acompañados dos antigos habitantes do castelo, bufóns, cabaleiros, cociñeiros e cociñeiras, trobadores e trobadoras, e a gran novidade deste ano será a pantasma do castelo, “O Alemanote”. “Estou segura de que cada visita vai ser unha auténtica aventura onde non faltarán cancións, xogos e historias de todas as persoas que pasaron polo castelo ou tiveron un vínculo con el”, afirmou Silva. As persoas interesadas en participar nas visitas teatralizadas poderán adquirir as súas entradas a partir do próximo luns, 8 de outubro, a través da páxina web do Castelo de Soutomaior (www.castelodesoutomaior.com). O custo será de 2 euros e o pago realizarase de xeito telemático a través da propia web.

 

Guías Didácticas
Outra novidosa iniciativa consistirá na posta en marcha de materiais didácticos para escolares e familias no Castelo de Soutomaior a partir de novembro. Segundo explicou a presidenta, este novo proxecto “converte á Deputación de Pontevedra nunha administración pioneira porque non hai outro castelo en Galicia que conte con este tipo de materiais didácticos a disposición de colexios e familias”. Esta iniciativa ten por obxectivo que a visita ao Castelo de Soutomaior se converta nunha experiencia “divertida e sobre todo atraínte, e que tamén sirva para reforzar a interpretación dos contidos da nova musealización a través do xogo”, continuou a presidenta. Para poder cumprir con iso, poderase dispoñer de dous tipos de materiais que estarán dispoñibles en galego, castelán e inglés.

Por unha banda está a guía para familias, que consiste nun caderno con diferentes xogos relacionados coa musealización en clave de investigación. Así, os e as participantes que intenten resolver os enigmas contidos nesta guía terán que percorrer as distintas salas do castelo coa axuda dun plano. “Cando as familias completen a guía, na que terán que descubrir pistas, sopas de letras ou localización de erros, entregaráselles un diploma de recoñecemento. Por outra banda están as unidades didácticas, que servirán como material de apoio para o profesorado nas visitas escolares ao Castelo. Constarán dunha unidade por cada nivel escolar e de dous módulos: un para o profesorado e outro para o alumnado. “A través deste segundo material, os e as escolares descubrirán que é un castelo, para que serve, achegaranse á figura de Cristóbal Colón a través dunha sopa de letras ou coñecerán a María Vinyals como personaxe histórica cun xogo de preguntas”, detallou a presidenta.

As visitas ao Castelo medraron nun 110% entre maio e setembro
A presidenta da Deputación continuou explicando que estas iniciativas de posta en valor do Castelo de Soutomaior están dando os seus froitos, “a nova musealización do castelo está sendo un éxito rotundo e espectacular. Os datos reafirman a nosa política e o cambio impulsado no Castelo. Dende a súa reapertura o pasado mes de maio pasaron xa por Soutomaior 23.000 persoas, un 110% máis que no mesmo período maio-setembro de 2017. E por exemplo, só no pasado mes de setembro 4.033 persoas pasaron visitar o castelo”.

Silva engadiu ademais que para este último trimestre do ano xa hai reservas de visitas guiadas para 31 grupos. Destes grupos programados, 7 deles son centros escolares e 24 son grupos turísticos. “Son uns datos que nos enchen de ledicia porque estamos falando de visitas turísticas desestacionalizadas que se van dar no último trimestre do ano e esta é unha das nosas grandes apostas, lograr que a nosa provincia sexa visitada todo o ano”.

Día Mundial do Enoturismo
Coincidindo co Día Mundial do Enoturismo, Carmela Silva tamén anunciou que en Soutomaior vai ter lugar, en colaboración coa Ruta do Viño, unha cata a cegas, “actividade moi interesante porque nós, non só queremos pór en valor toda a musealización e toda a historia do castelo, senón tamén atraer á xente da provincia ligada a diversos sectores para que o Castelo se converta nunha referencia. Esta iniciativa, nunha provincia que somos referente de excelencia vitivinícola, responde a este proxecto de abrir Soutomaior á sociedade”. Carmela Silva tamén explicou que está a piques de rematar o proceso de vendima da explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior, que este ano corre a cargo da adega Señorío de Rubiós das Neves. Como novidade este ano, a uva vaise separar por variedades, xa que ata agora toda se taxaba como uva albariña, pero en Soutomaior tamén se recollen as variedades de godello e torrontés.

Deja un comentario