+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O CONCELLO AFRONTA A FASE FINAL DA CREACIÓN DE NOVE DEPÓSITOS PARA LOITAR CONTRA A SECA E GARANTIR O SUBMINISTRO


Destinaranse 265.000 euros en Tresaldeas, Os Castros-Outeiro, Framil- Peniñas, Vilalén, Meilide, Covas, Cabenca-Revolta, Vilar e Filgueira

O Concello de Cerdedo-Cotobade afronta a fase final da mellora do abastecemento coa creación de nove depósitos de auga no territorio de Cerdedo que permitirán afrontar nas mellores condicións a crecente seca e garantir o subministro da poboación ante posibles continxencias. Por este motivo, o presidente e o vicepresidente municipais, Jorge Cubela e José Balseiros, veñen de manter unha xuntanza informativa coas comunidades de augas, de montes e veciñais beneficiarias para coñecer o estado actual dos proxectos e resolver posibles atrancos, xa que as infraestruturas teñen que estar finalizadas antes de que conclúa o presente exercicio.

En concreto, os lugares beneficiarios recibirán subvencións nominativas para estas obras por un importe global de 265.000 euros que se desglosan do seguinte xeito: Tresaldeas (28.554 euros), Os Castros-Outeiro (34.032 euros), Framil-Peniñas (26.029 euros), Vilalén (26.016 euros), Meilide (33.477 euros), Covas (26.058 euros), Cabenca-Revolta (38.568 euros), Vilar (26.058 euros) e Filgueira (26.058 euros).

Durante a xuntanza, na que tamén participaron os concelleiros José Luis Crujeiras, Emma Valiñas e Yolanda Mariño, coñeceuse que o depósito de Meilide xa está rematado e outros catro atópanse a piques de acabarse, mentres que os catro restantes afrontan nestes días os traballos de explanación do terreo. En principio, as obras avanzan a bo ritmo e, máis aló de pequenos axustes, agárdase que estean concluidas sobradamente neste trimestre.

O goberno local de Cerdedo-Cotobade leva máis de dous anos deseñando diversas medidas de loita contra a seca que se están a centrar, aparte de melloras nas traídas, na construción de infraestruturas de almacenamento, que comezaron cunha primeira fase coa que se crearon os depósitos de Tomonde e Folgoso. Agora, esta rede extenderase con estes nove recintos máis e xa se está deseñando unha terceira fase que permitirá a construción, baixo o mesmo formato de colaboración coas comunidades de augas a través de subvencións nominativas, de outros sete no territorio de Cotobade.

En concreto, vanse destinar case 150.000 euros para as obras de creación ou acondicionamento de depósitos en Boliñas (12.000 euros), Rebordelo (12.000 euros), Cuqueira (7.000 euros), Xesteira (12.000 euros), Susteliño (5.000 euros), Ponte Borela (29.500 euros) e Coutiño (68.712 euros).

Tras a reunión, Cubela e Balseiros quixeron destacar o “gran esforzo” realizado polo goberno local para garantir o abastecemento da poboación cunha inxección de máis de 500.000 euros en pouco máis de dous anos a prol das comunidades de augas e de montes, que son as xestoras da auga no municipio. “Malia que existe unha organización veciñal da auga, o abastecemento é unha competencia municipal e por iso asumimos estas actuacións. Ademais facémolo con toda a responsabilidade porque a seca leva algúns anos avisando e este executivo quere evitar a toda costa que nalgún momento poida haber problemas de desabastecemento”, detallaron.

Deja un comentario