+034 986 09 02 04 Mércores 19 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A ÚLTIMA PROBA DO DEPODESAFÍO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA TERÁ LUGAR ESTE DOMINGO NA PRAIA DE SAMIL DE VIGO


 

 

No evento, que consistirá nun tríatlon en distancia sprint, xa están inscritas 170 persoas e dilucidará a vencedora e o vencedor desta primeira edición da competición

A primeira edición de DepoDesafío chega ao seu fin este domingo 7 en Samil (Vigo) coa realización dun tríatlon en distancia sprint: 750 metros a nado, 20 km en bicicleta e 5 km de carreira a pé. A proba, na que se inscribiron 170 persoas, será a quinta da competición e dilucidará o vencedor e a vencedora, que recibirán como premio dorsal, voo e aloxamento para a Maratón de Berlín, considerada a máis rápida do mundo.

Na presentación da proba no Concello de Vigo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Abel Caballero, resaltou a “incrible paisaxe” na que se vai desenvolver a proba, coas Illas Cíes de fondo, no que cualificou como un apoio explícito a candidatura da paraxe natural a Patrimonio da Humanidade da UNESCO que promoven desde o Concello de Vigo.

O Plan Estratéxico de Deportes, programa no que se enmarca esta competición, ten entre as súas finalidades promover concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable, así como dar a coñecer as paraxes nas que discorren as probas. “Como di o alcalde”, explicou Silva referíndose a Caballero, “o deporte é a gran revolución do século XXI”. A presidenta referíase así a gran importancia que está a gañar a práctica deportiva, especialmente a de tríatlon, e ao papel que as institución teñen que xogar “para democratizar e impulsar a práctica do deporte”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse “encantado” de que Vigo fose seleccionada para o “fin de festa” da primeira edición do DepoDesafío. “Invito a toda a cidadanía a asistir e desfrutar desta proba, sexa como participante ou como espectador”.

Caballero resaltou o gran despregue de medios que se realizará para o evento, como unha pantalla xigante que se instalará en Samil para seguir a proba ao completo, así como a beleza do trofeo, realizado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.

Esta será a primeira proba na que se puideron inscribir menores de idade. Coa colaboración da Federación Galega de Tríatlon realizarase por primeira vez en Vigo un ácuatlon gratuíto para as 81 rapazas e rapaces das seguintes categorías: Benxamín (100 m de natación / 500m de carreira a pé), Alevín (200m de natación / 1.000m de carreira a pé), Infantil (400 m de natación/ 2.000m de carreira a pé), Cadete (500m de natación / 3.000m de carreira a pé). Silva quixo agradecer persoalmente ao presidente da Federación Galega de Tríatlon todo o traballo realizado e o apoio prestado á Deputación para a realización desta proba.

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, quixo agradecer á Deputación ter seleccionado esta modalidade para pechar o DepoDesafío. “Estou seguro de que esta será a semente do que nun futuro será un proxecto mellor”, explicou Surís, destacando o papel e o apoio da Deputación para a promoción do deporte de base, “principal función das federacións deportivas”. “O deporte fainos mellores”, finalizou o atleta.

Deja un comentario