+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CHARLA SOBRE COMPOSTAXE EN CAMPO LAMEIRO PARA INSTALAR O PRIMEIRO COMPOSTEIRO COMUNITARIO DO PLAN REVITALIZA


Os mestres e mestras composteiros reuniranse coa veciñanza do lugar de A Lagoa o vindeiro venres no centro sociocultural Sobrino Buhigas

 

A compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación comeza a dar os seus primeiros pasos no concello de Campo Lameiro. O persoal técnico provincial manterá unha xuntanza coa veciñanza próximo venres 19 de outubro para informar das vantaxes que supón compostar e reunir as sinaturas necesarias para a instalación do primeiro centro de compostaxe comunitaria na vila.

A xornada informativa está aberta a toda a veciñanza pero vai especialmente dirixida ás persoas das vivendas e establecementos de restauración situadas no núcleo de A Lagoa, dentro da parroquia de San Miguel do Campo, por ser esta a ubicación seleccionada para a instalación do composteiro comunitario. As persoas interesadas en participar pero que non poidan acudir á reunión terán a posibilidade de inscribirse na oficina de medio ambiente do concello de Campo Lameiro, en horario de 9 a 14h.

En canto aos prazos, a intención do persoal técnico provincial é que o centro de compostaxe comunitaria (CCC) poida instalarse e comezar a funcionar a finais de ano, se ben é necesario obter o compromiso de participación de alomenos 30 persoas para poder poñer en marcha un composteiro comunitario de tres módulos.

O único que deberá facer a veciñanza que decida participar no Plan Revitaliza é separar ben o seu lixo na casa, xuntando nunha bolsa ou caldeiro os seus biorresiduos -restos de comida e vexetais- para despois levalos ao CCC e cubrilos co estruturante (restos leñosos a disposición ao carón dos módulos). O resto do proceso de compostaxe será responsabilidade dos mestres e mestras composteiros, que vixiarán a temperatura, a osixenación e a cantidade das aportacións para producir o compost da maior calidade posible. O compost final será, logo duns tres meses, repartido entre a veciñanza que aportou o seu lixo.

A reunión informativa servirá para explicar á veciñanza todo este proceso de compostaxe máis polo miúdo e resolver cantas dúbidas se poidan presentar, tal e como se fixo na implantación dos demais CCC instalados na provincia, que a día de hoxe están a funcionar con éxito de participación veciñal e sen ningún tipo de disfuncións. O encontro será o venres ás 20h no centro Sociocultural Sobrino Buhigas.

O Concello de Campo Lameiro ten en total 1.867 habitantes (datos do ano 2017) divididos en seis parroquias. A colocación deste primeiro centro de compostaxe comunitaria en A Lagoa (emplazado nunha zona de maior densidade de poboación) sumarase ao programa de compostaxe individual que xa ten en marcha o concello de Campo Lameiro entre as casas que dispoñen dunha leira.

O concello leva inscrito no Plan Revitaliza dende o ano 2016 e pretende impulsar agora a compostaxe debido á próxima esixencia legal de recoller de maneira separada o 100% dos biorresiduos no ano 2020. Ademais, o colexio CEIP Antonio Cerviñ0 tamén quere formar ao seu alumnado en materia de compostaxe e medio ambiente, para o que vai solicitar as actividades de educación ambiental que o CEIDA está a desenvolver nos centros de ensino.

Deja un comentario