+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Novembro de 2019

O PP DE POIO AGRADECE Á COMUNIDADE DE MONTES DE SAN XOÁN QUE O BOSQUE DE COLÓN SEA XA CANDIDATO A ESPAZO NATURAL PROTEXIDO


Agradecen á Comunidade de Montes o traballo de campo e de documentación dos últimos meses, e a aprobación unánime na Asemblea Xeral para que o Bosque pase a ser considerado pola Xunta de Galicia “Espazo Privado de Interés Natural”

O PP de Poio agradeceu este sábado á Comunidade de Montes de San Xoán que aceptase a súa proposta para que o Bosque de Colón se convirta en Espazo Natural Protexido recoñecido pola Xunta de Galicia, e celebrou que xa cumprimentase todos os trámites e xa iniciase o proceso para a súa declaración.

Os populares plantexaron esta posibilidade á directiva da Comunidade de Montes de San Xoán, pouco despois de organizar a homenaxe aos artífices da súa plantación, en abril de este ano, e tras consultar con expertos e técnicos ambientais sobre a mellor forma de recoñecer e protexer este espazo único.

Finalmente, acordouse solicitar en primeiro lugar a figura de EPIN (Espazo Privado de Interese Natural), unha figura de protección recollida na Lei 9/2001 de conservación da natureza, e reservada para a protección de lugares naturais singulares que non son de titularidade pública. A declaración de EPIN garantiría un recoñecemento e unha protección moi elevados, e actualmente só hai un espazo con esta consideración, o Bosque das “Sobreiras do Faro”, en Oia.

Tras a proposta do PP e algúns traballos previos, a proposta foi aprobada por unanimidade na Asemblea Xeral ordinaria de maio da Comunidade de Montes, e a partir dese momento comezouse a recopilar toda a documentación de apoio e a realizar os tramites necesarios, coa presentación de planos, certificados, o estudo das árbores sobre o terreo e unha memoria que recolle os datos básicos e unha escolma dos motivos que, para os impulsores desta declaración, fan do Bosque merecedor de protección e recoñecemento.

A memoria recolle os datos básicos, xeográficos e administrativos da parcela, propiedade da CMVMC de San Xoán de Poio, situada xunto á área recreativa do Monte do Castro “na zona central do Castrove, xunto á vaguada pola que discorre o Rego do Mouro”, cunha altitude media de 435 metros sobre o nivel do mar, e alternando zonas llanas con pendentes de ata o 15%.

A memoria chama a atención sobre a perfecta delimitación da parcela, tanto administrativa como físicamente, xa que conta cun cerramento de tuias, e continúa con información sobre a climatoloxía propia do monte Castrove, a xeoloxía do terreo onde se asenta o Bosque, e xunto cunha descrición da fauna da contorna do Bosque, pasa a dar información detallada sobre o Bosque en si e os 500 pés de Sequoia Sempervírens que o constitúen.

O documento explica que nun primeiro momento se prantaron 500 exemplares (a plantación dirixida por John McElroy e técnicos californianos e españois realizada o 3 e 4 de decembro de 1992 por rapaces poienses e americanos, os Columbus Kids) e se deixaron outros 200 exemplares “aviveirados” en Lourizán para reemprazar aqueles exemplares que enfermasen, etc. e garantir que o número sempre fose de medio millar, en conmemoración do 500 aniversario da chegada de Colón a América.

A continuación os técnicos fan un inventario de 429 exemplares “en bo estado sanitario”, con medicións de campo realizadas durante este verán que arroxan varias curiosidades, como que actualmente, a árbore máis grande de todas mide 15,71 metros cunha copa de 7,41 metros de ancho, unhas dimensións impresionantes e que dan idea da feliz elección dos técnicos que elixiron a ubicación, xa que hoxe, case 26 anos despois da súa inauguración, varios exemplares superan os 15 metros de altura e moitos teñen máis de 7 metros de diámetro.

O informe contén un anexo histórico-cultural con completa información sobre a importancia e o carácter único do Bosque, un agasallo “do pobo de Estados Unidos ao Pobo de España” mediante resolución conxunta de ambas as Cámaras Lexislativas de EEUU, asinada polo entón presidente George H. W. Bush, e que foi un dos últimos actos oficiais do V Centenario celebrado en 1992.

A memoria reproduce a citada resolución Conxunta da Cámara de Representantes e o Senado de EEUU 529 do 102º Congreso, o discurso do entón Conselleiro de Agricultura Tomás Pérez Vida, a carta do impulsor da plantación John McElroy ao presidente Bush propoñéndolle o agasallo do Bosque como forma de celebrar a viaxe de Colón por parte dos EEUU, a declaración como acto oficial do V Centenario, correspondencia entre expertos forestais españois e americanos, e outros documentos.

Ademais, a memoria tamén inclúe un extenso anexo fotográfico, tanto do propio Bosque de Colón como da Expedición “Columbus Grove Gift Trip”, pola que 26 estudantes americanos, xunto co impulsor da idea, o académico John Harmon McElroy, trouxeron e plantaron as árbores en Poio en 1992, sendo recibidos polo Rei Emérito na Zarzuela, o descendente de Cristóbal Colón, e outros persoeiros e institucións daquel momento.

O informe conclúe que o Bosque “amosa unha clara singularidade, xa que a nivel de España só existe en Cantabria o Bosque de Monte Cabezón”, plantado en 1940 e con 800 exemplares pero menor extensión. Ademais, o Bosque de Colón “se atopa nun estado óptimo e constitúe unha das masas de secuoia máis grande do territorio nacional e continental”.

PRESENZA DO BOSQUE EN INTERNET E INICIATIVAS PARA INFORMAR EN POÑER EN VALOR

A partir desta presentación, a Comunidade de Montes de San Xoán tamén fará diversas accións presenciais e en internet para dar a coñecer a realidade e a historia do Bosque, con presenza do Bosque de Colón nas redes sociais @bosquedecolon en Facebook, Twitter e Instagram e unha páxina web propia desde a que informar sobre a historia e a actualidade do Bosque, que é hoxe unha visita obrigada para todos os que visitan Poio. Estes perfís publicarán en distintos idiomas e intentarán dar unha imaxe uniforme do Bosque para os visitantes, de forma que poidan etiquetarse e difundir as súas visitas.

Tamén se sustituirá o Panel Informativo que se atopa á entrada do Bosque, para proporcionar información máis veraz e actualizada, e se farán outras accións informativas de cara ao 26 aniversario do Bosque, o 4 de decembro.

Os impulsores da candidatura esperan que os visitantes do Bosque utilicen estas novas ferramentas para informarse e poder difundir as súas visitas, ou cando tomen fotografías, para dar a coñecer a historia e a situación do Bosque nacional e internacionalmente.

A candidatura deuse a coñecer, precisamente, cando se celebra o aniversario da viaxe de Colón que dá nome ao Bosque e cuxa travesía buscaron homenaxear os impulsores, tal e como se recolle na documentación da época, particularmente a lexislación da Cámara de Representantes e o Senado dos EEUU.

Unha vez admitida a trámite a solicitude, a Consellería ten un máximo de dous anos para aprobar a declaración de espazo protexido, pero a lei establece que as medidas de protección pasan a aplicarse provisionalmente desde o momento da admisión a trámite, polo que o Bosque xa é, provisionalmente, un lugar protexido. A Comunidade de Montes está redactando ademais un Plan de Conservación, coas medidas que tomará para protexer e preservar este espazo único, e as actividades que se fomentarán nel, especialmente de divulgación científica, cultural e histórica.

Deja un comentario