+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

EXPERTOS EN EDUCACIÓN E TECNOLOXÍA DESTACAN A IMPORTANCIA DAS AULAS PARA APROVEITAR AS POTENCIALIDADES DOS ESTUDANTES


Distintos profesionais fixeron fincapé na XGN R Encounter no fomento dende idades temperás do uso e coñecemento das novas tecnoloxías como mellor estratexia para favorecer a aprendizaxe e impulsar as vocacións tecnolóxicas

Que mellor que aprender xogando, con contidos supervisados por pedagogos e testados cientificamente. Norman Suárez, CEO de Cuicui Studios, considera que as novas tecnoloxías son o aliado perfecto para a comunidade educativa, porque permiten aproveitar ao máximo as capacidades de todos os alumnos.

Nunha charla que impartiu na XGN R Encounter, Suárez mostrouse partidario de aplicar a teoría das intelixencias múltiples, que considera que existen polo menos oito tipos de intelixencias. As que son habitualmente as máis fomentadas na educación tradicional son a lóxico-matemática e a lingüística-verbal, pero tamén outros tipos de intelixencia, como a musical, a visual-espacial, a kinestésica (relacionada co propio movemento), a interpersoal (a que favorecería a empatía e o traballo en equipo) a intrapersonal (que permite coñecerse a un mesmo) e a naturista. Desta maneira, nenos que tradicionalmente viron como en clase eran considerados “malos alumnos” por non responder aos estándares educativos, poden ter enormes capacidades noutros tipos de intelixencia sen desenvolver.

Precisamente para aproveitar toda a potencialidade dos alumnos, Norman Suárez, xunto con outros socios, puxo en marcha Cuicui Studios, unha start- up que desenvolve aplicacións que permiten aprender xogando, cun enfoque pedagóxico e validadas cientificamente. Na súa opinión, está a impoñerse nos países máis avanzados a nivel educativo un cambio de enfoque. “As materias deben ser transversais. De que serve que o alumno coñeza unha data histórica se logo non sabe relacionarse cos seus compañeiros ou preparar unha exposición en público”.

Neste sentido, puxo de manifesto a importancia de que directores de centro, coordinadores, profesores, familias e alumnos teñan en conta a importancia de centrarse en mellorar as habilidades dos alumnos. “É cuestión de mentalidade, non é unha cuestión de diñeiro”.

 

Para lograr avanzar neste camiño, o mellor aliado son as novas tecnoloxías. Por unha banda, permiten aglutinar moitos contidos nun espazo reducido. As mochilas cargadas de libros poden deixar paso a tablets con moitísimas máis opcións, máis aló de conter información. E con moitas vantaxes. Por exemplo, ofrecen acceso a moitísima máis información, e ao mesmo tempo, permiten medir a interacción dos alumnos, o seu ritmo de aprendizaxe e supervisar os test ou xogos educativos que estean a facer para medir o seu grao de acerto.

Unha das claves, segundo Norman Suárez, é formar e concienciar á comunidade educativa. A existencia dun gran número de aplicacións no mercado para favorecer a aprendizaxe nas aulas debe ir acompañada dunha aposta por aproveitar todas as vantaxes que nos ofrece a tecnoloxía.

Talleres para os máis pequenos

A XGN R Encounter tamén conta cun espazo dedicado á robótica, os talleres crea R, onde os nenos poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos; e unha charla nativos R dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven con estas xeracións de ‘nativos tecnolóxicos’. Ambas iniciativas enmárcanse no programa Digitalent da AMTEGA, no que R participa para estimular o talento precoz no ámbito das TIC.

Noemi Belas, responsable deste taller, tamén está convencida de que é necesario fomentar desde idades temperás o uso e coñecemento das novas tecnoloxías como mellor estratexia para favorecer a aprendizaxe e impulsar as vocacións tecnolóxicas.

Deja un comentario