+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA PRESENTA OS NOVOS SERVIZOS TECNOLÓXICOS “QUE NOS FAN SER REFERENCIA E CONVERTERÁN PONTEVEDRA NUNHA PROVINCIA INTELIXENTE”


 

A presidenta informou a alcaldesas e alcaldes do proxecto IDEPO, do servizo de asesoramento de protección de datos a entidades locais e do novo Backup na nube

Silva tamén explicou que “dende a Deputación tamén estamos a ser unha referencia na implantación das TIC”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado delegado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, presidiu esta mañá o encontro informativo cos alcaldes e alcaldesas de concellos da provincia para informalos sobre as novidades impulsadas dende a Área de Novas Tecnoloxías da institución provincial. Ao respecto, a presidenta explicou que a reunión tiña por obxectivo “dar a coñecer o proxecto IDEPO, o servizo de asesoramento de protección de datos de entidades locais e o Backup na nube que converterán Pontevedra nunha provincia intelixente”.

“Dende a Deputación de Pontevedra somos moi conscientes de que se están aprobando moitas leis que obrigan aos concellos a poñer en marcha cuestións coma estas relacionadas coas TIC. Tamén somos conscientes de que non hai recursos suficientes como para poder facelo e, por iso, dende esta Área de Novas Tecnoloxías, formulábase a idea de que a Deputación tiña que ser unha referencia e impulsar todas estas accións que hoxe vos presentamos, ademais doutras postas en marcha como a implantación da administración electrónica en 53 concellos da provincia ou o novo servizo de padrón municipal”, declarou Silva.

Primeiro, a presidenta presentou IDEPO, un xeoportal libre e gratuíto que integra información xeográfica e de servizos de todos os concellos da provincia posto que inclúe datos sobre paradas de autobuses, puntos de recollida de lixo, infraestruturas deportivas, xacementos arqueolóxicos, estradas… “Este proxecto, ao que poden acceder tanto as administracións como a veciñanza, vainos permitir tomar decisións máis intelixentes que nos permitan equilibrar a dotación de servizos da provincia”, aclarou Silva. Ademais, a presidenta apelou a un servizo “aberto e en constante actualización” e animou aos alcaldes e alcaldesas a participar activamente na mellora de IDEPO. “Ademais, é moi fácil de entrar e manipular”, detallou Silva durante a reunión.
A continuación, a presidenta tamén fixo referencia ao novo servizo de asesoramento sobre protección de datos dirixido ás entidades locais para dar cumprimento ao regulamento que entrou en vigor en maio deste ano. “Na administración local trátanse moitísimos expedientes con datos privados e dende a Deputación de Pontevedra queremos ofrecervos a nosa axuda para o deseño de guías, a revisión de documentos ou a colaboración de datos”, explicou Silva. A presidenta provincial tamén fixo fincapé no terceiro proxecto desenvolvido pola Área de Novas Tecnoloxías. Trátase dun Backup ou copia de seguridade na nube necesaria, tamén, para a xestión de todos estes datos persoais.

“Todos estes proxectos van destinados a concellos de menos de 50.000 habitantes pero temos que poñer moita atención nos que teñen menos de 20.000. Se non somos capaces de crear estruturas administrativas de fácil acceso para a cidadanía, estaremos facilitando que a xente se vaia vivir en lugares onde á máis sinxela a relación coas administracións”, remarcou a presidenta en relación á importancia destes proxectos.

Finalmente, Carmela Silva felicitou aos gobernos locais polo traballo desenvolvido, así como aos técnicos e ás técnicas da institución provincial e das administracións locais “que se encargan da xestión diaria de todas estas cuestións”. “É preciso poñer en valor aos servidores públicos porque, sen eles, sería imposible garantir que a cidadanía tivese acceso a todos estes servizos”, concluíu a presidenta provincial.

Deja un comentario