+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

MORAÑA INICIA A CONSTRUCIÓN DO SANEAMENTO DE CERDEIRAS, ENMARCADO NUN PROXECTO CONXUNTO COA ALDEA LAMEIRENSE DE ROZAS


A actuación, orzamentada en 112.000 euros, consiste na construción dunha EDAR e dous colectores para preto de trinta vivendas da zona

 

O Concello de Moraña vén de comezar hai uns días as obras de construción do saneamento da aldea de Cerdeiras, na parroquia de San Lourenzo, no marco dun proxecto de cooperación que dotará tamén deste servizo ao limítrofe lugar de Rozas, no veciño municipio de Campo Lameiro. Esta actuación foi visitada na tarde de onte pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, e o tenente de alcalde, José Cela, que agardan que quede rematada nuns días.

Este proxecto de construción da rede de sumidoiros e dun sistema de depuración para a zona conta cun orzamento de 112.000 euros que será sufragado pola Vicepresidencia da Xunta, co 70% da contía total, e por ambos concellos, que asumirán un 15% respectivamente.

Esta obra pretende dotar deste servizo a preto dunha trintena de vivendas de ambos lugares coa construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) con capacidade para atender a un cento de habitantes que se emprazará no termo de Campo Lameiro.

Ademais, no percorrido de augas abaixo xa se están instalando dous colectores, que darán servizo a cada unha das aldeas e que terán 127 metros no caso de Cerdeiras e
157 no de Rozas, e os entubados de PVC con 315 milímetros de diámetro e groso. Esta rede terá unha anchura de 1,50 metros e ubicarase a 1,20 metros de profundidade, contando con pozos de rexistro cada 35 metros co gallo de favorecer as futuras labores de mantemento.

A alcaldesa, que expresou a súa satisfacción polo bo ritmo das obras, anunciou ademais que, co obxectivo principal de mellorar o servizo para os veciños e eliminar as fosas sépticas que actualmente hai nas vivendas destes dous lugares, está programada unha obra complementaria para realizar as acometidas domiciliarias. “É unha boa nova extender este servizo e ademais facelo cun custo asequible ao asumir a Xunta gran parte do mesmo por tratarse dun proxecto de cooperación, polo que
queremos poñer en valor o importante que é unir forzas”, concluiu.

Deja un comentario