+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

O CONCELLO REMATA A MELLORA VIARIA URBANA CO REASFALTADO E OUTRAS MELLORAS EN MÁIS DE 750 METROS PERTENCENTES A CINCO RÚAS


Realizouse o fresado e dotación de novo firme nos viais Doutor Batallán, 1, 8 e 10 e o pintado nestas rúas e a 11 farase nuns días

 

O Concello de Moraña está a rematar na xornada de hoxe a mellora viaria urbana de gran parte da vila, que inclúe o reasfaltado e outras melloras en treitos que suman máis de 750 metros pertencentes a cinco rúas do noreste e a contorna do centro de saúde. En concretou, actuouse nas rúas Doutor Batallán, 1, 8, 10 e 11 cun investimento de 55.000 euros que foi xestionado polo goberno local coa Vicepresidencia da Xunta.

Con motivo da finalización desta obra, que se desenvolveu a gran celeridade nesta semana, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e o teniente de alcalde José Cela fixeron un percorrido polas rúas beneficiarias, comezando polas da contorna do centro de saúde, que foron as primeiras que se remataron. Tamén supervisaron a 8, reasfaltada onte, e a Doutor Batallán, que é a que se está a concluir na xornada de hoxe.

As rúas 1 e 10 foron as que recibiron unha actuación máis intensa polo seu deterioro a causa do intenso tránsito na zona do centro médico e nas mesmas realizouse o fresado, reasfaltado e alzado das caixas de servizos nos seus treitos de 118 e 106 metros, respectivamente.

Na Doutor Batallán, a máis longa con 313 metros de lonxitude, acometeuse o fresado, afirmado, dotación dun paso de peón elevado para gañar en seguridade, sinalización e alzado da cota das caixas de rexistro. Na rúa 8, de 156 metros, efectuouse a limpeza de beiravías, afirmado e reubicación dos rexistros, mentres que a 11, de 65 metros, pintarase nuns días, ao igual que as outras catro, xa que ten que asentar o firme.

Luisa Piñeiro destacou o “bo traballo” realizado pola empresa adxudicataria, Covsa, “xa que actou con gran celeridade, sen causar apenas restricións e molestias aos veciños, e deixou as rúas en perfecto estado para bastante tempo”. Ademais, valorou positivamente os avances do Plan de Mellora Viaria con esta obra e outras anteriores nas Teixugueiras, Conles e A Penagrande e adiantou que as seguintes actuacións nesta área serán en Cartamil, Chan de Amil, os camiños de varias parroquias, O
Outeiro e as sendas de Santa Margarida e Silvoso-O Souto.

Deja un comentario