+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA CONFIRMA UN MES DE SETEMBRO “EXTRAORDINARIO” CUNHA OCUPACIÓN HOTELEIRA DO 72,61%


A presidenta da Deputación destacou o aumento da estancia media con respecto a 2017 e o incremento, por noveno mes consecutivo, do índice de ocupación das casas de turismo rural

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ven de confirmar que cun 72,61% o mes de setembro volveu a ser un mes “extraordinario” en canto a ocupación dos establecementos hoteleiros. Neste eido, a presidenta enxalzou que tanto o bo tempo como o cambio nos hábitos vacacionais, que están a aumentar a estancia media das persoas turistas, están a converter a setembro “nun mes cada vez máis atractivo”.

Carmela Silva informou, en canto á ocupación de establecementos hoteleiros, a comarca do Salnés acadou unha ocupación nos establecementos hoteleiros do 76%, Pontevedra do 87,5%, O Morrazo superou o 58,45% , Caldas o 92%, Vigo rozou o 87%, O Baixo Miño o 66,8%, as comarcas do Condado e da Paradanta acadaron o 48% e as de Deza e Terra de Montes o 65,5%.

En canto ao turismo rural, a presidenta provincial informou que “o esforzo que realizamos para promover o turismo do interior está a dar os seus froitos e novamente, e por noveno mes consecutivo, seguimos rexistrando un incremento da ocupación en turismo rural”. Neste eido, e tal e como informou Silva, os establecementos rurais da provincia rexistraron en setembro unha ocupación do 50%, unha porcentaxe que supera en 10 puntos o acadado no 2017 e ata quince puntos por riba da obtida en setembro de 2016. Máis polo miúdo, a comarca do Salnés obtivo un 67% de ocupación nos establecementos rurais, Pontevedra o 45,25%, O Morrazo un 45%, Caldas o 43%, Vigo un 60%, O Baixo Miño un 59%, as comarcas do Condado e da Paradanta un 38% e as de Deza e Terra de Montes un 21%.

A presidenta provincial tamén informou sobre a porcentaxe de ocupación relativa ás vivendas turísticas que, no mes de setembro, ascendeu, segundo facilitou a asociación AVITURGA, ao 71% chegando ao 80% durante a primeira quincena do mes. Con respecto a estes establecementos, Silva informou que a maioría das persoas que se aloxan correspóndense con familias ou grupos de amigos entre 5 e 8 días que proceden de Madrid, Castela e León, Castela a Mancha, Cataluña, Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido. Tamén explicou que en setembro, os lugares que acadaron porcentaxes máis elevadas de ocupación en vivendas turísticas foron Silleda (100%), Pontevedra (72,25%), Sanxenxo (72%), Poio (70,5%), Vigo (70%), Baiona (69%), Cangas (67%) e Cambados e Vilagarcía de Arousa (65%).

Con respecto aos datos presentados, a presidenta da Deputación quixo aclarar que proceden dunha “enquisa descritiva realizada a 102 establecementos hoteleiros, 91 casas de turismo rural e 42 cámpings, do mesmo xeito que fai a Xunta de Galicia segundo nos confirmou o Presidente das empresas hostaleiras da provincia”. Neste eido, Silva aclarou que os datos non son idénticos aos do INE debido a que o instituto “recolle unha estimación de prazas hoteleiras dispoñibles na temporada de verán inferior á do ano pasado e que, aínda así os datos lograron superar as expectativas”.

Noutro orde de cuestións, a presidenta provincial adiantou que para outubro estanse a rexistrar xa porcentaxes de ocupación hoteleira do 100% nas comarcas do Salnés, Pontevedra e Vigo grazas a eventos como a Festa do Marisco ou Conxemar. Amais, Silva tamén enxalzou o caso do aeroporto de Peinador, que duplicou a porcentaxe de persoas usuarias de ocio desde 2015 grazas ás novas rutas sumando un 44% de persoas viaxeiras (a mesma proporción que Lavacolla), seguidas do 33% que supoñen as viaxes de negocio e o o 17% das visitas á familia.

Castelo de Soutomaior e Camiños cara Compostela
A presidenta tamén recordou que desde a reapertura do Castelo de Soutomaior rexistrouse un incremento no número de visitantes do 110% máis que no mesmo período do 2017. Deste xeito, xa pasaron polo Castelo desde maio 23.000 persoas e 4.033 en setembro.

En canto aos Camiños que transcorren pola provincia cara Compostela foron 14.100 as peregrinas e peregrinos que realizaron algunha das rutas, un 34% máis que o ano pasado. Deste xeito, percorreron o Camiño Portugués 10.196 persoas (23% máis que en setembro do 2017), o Camiño Portugués pola Costa 2.852 persoas (121% máis), a Vía da Prata 1.000 persoas (2% máis) e o Camiño de Inverno un centenar de persoas (12% máis).

Perfil das persoas turistas
No caso do perfil das persoas turistas, a presidenta da Deputación informou que os datos proveñen das oficinas de turismo que, en setembro, rexistraron a 10.500 persoas das cales o 81% procedían do Estado (principalmente Madrid, Barcelona, Asturias, Biscaia e Córdoba) e o 19% do estranxeiro (Portugal, Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia).

O 52% das persoas que visitaron Rías Baixas en setembro conta con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e alóxanse en hoteis entre 7 e 15 días. Amais, o 40% achégase á provincia pola nosa cultura e o 63% non tiñan visitado o destino con anterioridade.

Deja un comentario