+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

RODEIRO, ÚLTIMA PARADA DA EXPOSICIÓN DA DEPUTACIÓN ‘A GAITA NA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA’


Alumnado do CPI de Rodeiro participou na inauguración, na que actuou o cuarteto tradicional ‘Chispas Nejras’
A mostra ‘A gaita na música tradicional galega’ organizada pola Deputación chega á súa última parada no Centro Cultural Manuel Lamazares de Rodeiro logo do seu percorrido por outros catro concellos da provincia. A exposición poderá visitarse ata o 19 de outubro e foi hoxe inaugurada coa asistencia do alumnado do CPI de Rodeiro e coa actuación do cuarteto tradicional ‘Chispas Nejras’.
O deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal, responsable do departamento organizador da mostra ao abeiro do Ano da Lingua, destaca que o obxectivo desta exposición é visibilizar un instrumento paradigmático da música galega, así como render homenaxe á figura do gaiteiro dándoos a coñecer a públicos moi diversos. A exposición, comisariada por Xaime Estévez Vila, Carlos Collazo de la Fuente e Ana Costas Carbajal, conta coa participación da Asociación de Gaiteiros Galegos, do obradoiro Gil de gaita tradicional, Pablo Carpintero, e inclúe numerosas fontes bibliográficas, deseños e fotografías dos fondos do Museo de Pontevedra.
A mostra consta de 10 paneis que repasan a historia da gaita desde a súa aparición nun formato rudimentario na antiga Mesopotamia no 2.000 a.C. – onde xa se rexistra a idea de unir unha bolsa ou fol a un tubo sonoro-, ata a actualidade e facendo paradas en fitos e cuestións particulares como a figura do gaiteiro anónimo, o concurso de Ponteareas, a historia da propia Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o único museo dedicado exclusivamente á gaita de fol como é a Casa da Gaita de Viascón.
“A gaita na música tradicional galega” fai un repaso por autores dedican máis atención, desde Casto Sampedro no seu ‘Cancionero Musical de Galicia’, ate estudosos contemporáneos como Mª do Carme Novoa, Mª Pilar Alén, ou Xesús Ferro Ruibal. Tamén rende homenaxe á figura do gaiteiro, como destaca Leal, que vén desempeñando un papel musicalmente preponderante na sociedade xa desde tempos do imperio romano, onde os tibicen e os auletes practicaban un tipo de música reservada para os rituais, espectáculos públicos e as grandes celebracións. Este foi sen dúbida o papel do gaiteiro galego na sociedade rural ata ben entrado o século XIX e, nalgúns casos concretos, ata máis aló da metade do século XX.
A exposición puido xa visitarse na Casa da Gaita de Viascón e continuou o seu percorrido por Soutomaior, Moaña, Mondariz e Rodeiro, onde o día 19 pechará as súas portas.

Deja un comentario