+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019

O CONCELLO IMPULSA OS VALORES TURÍSTICOS DAS AUGAS DA FREIXA E DO VAL DE QUIREZA COAS XORNADAS “CUSPEDRIÑOS10”


Carlos Valiñas, que foi presentado pola concelleira Emma Valiñas, explicou os fitos históricos e o potencial de Quireza e a súa contorna

O Concello de Cerdedo-Cotobade impulsou os valores turísticos de dous dos seus moitos enclaves de interese cunha dobre charla sobre as Augas da Freixa, emprazadas no lugar de Dorna, e sobre o Val de Quireza no marco das III Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais “Cuspedriños10”, organizadas pola administración local en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia para complementar durante o outono a recuperación do pasado e o fomento dos atractivos do municipio que se realiza cada mes de xuño coa Feira de Cuspedriños. Ambas actividades, celebradas no serán de onte, contaron coa presenza de máis de setenta persoas.

A primeira actividade foi a charla-presentación do libro “O Val de Quireza” a cargo do seu coordinador, Carlos Valiñas, que foi introducido pola concelleira e tamén sobriña, Emma Valiñas. O escritor explicou numerosos fitos históricos e xeográficos desta parroquia cerdedense e a súa contorna que son, por si mesmos, importantes atractivos cun gran peso e potencial turístico no interior de Galicia.

A continuación, o Hotel Chola acolleu unha charla-coloquio sobre as Augas da Freixa a cargo da arquitecta Cristina García, que foi presentada polo tenente de alcalde Fernando Vázquez. A especialista, que xa se encargou dun proxecto de recuperación similar na zona termal dos Baños de San Xusto, abordou a potencialidade deste espazo de augas sulfurosas e medicinais na parroquia de Santa María de Sacos e informou das distintas opcións de rehabilitación. De feito, explicou á veciñanza e demais asistentes que xa está en marcha unha primeira iniciativa, consistente en crear un acceso para esta zona, un aspecto no que foi fundamental a colaboración dos lugareños no traballo previo para atopar con exactitude esta zona de augas.

Deste xeito, o Concello segue dando pasos para poñer en valor, tanto entre a veciñanza como para os turistas e visitantes do municipio, distintos espazos do seu territorio con especiais atractivos, como é o caso das Augas da Freixa e o Val de Quireza.

Polo demais, as Xornadas “Cuspedriños10” afrontan a súa recta final tras ter celebrado catro
actividades e xa se está preparando a clausura coa realización do emblemático Roteiro do Foxo

do Lobo de Arufe, que é a única iniciativa que se repetiu nas tres edicións polo elevado interese que esperta e que é habitual que exerza de peche. Esta camiñada, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas, terá lugar o domingo 21 de outubro con saída ás
10.00 horas da Praza do Concello de Carballedo. A asistencia será libre sen inscrición previa e o percorrido, con dúas horas e media entre ida e volta, é apto para todos os públicos.

Deja un comentario