+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

PONTE CALDELAS ADXUDICA DEFINITIVAMENTE AS OBRAS DA CONTORNA DA PRAZA DE ESPAÑA


As dúas empresas adxudicatarias reúnense co Goberno local para garantir a coordinación durante os traballos, que comezarán en días

As obras no centro de Ponte Caldelas, nos 4.000 metros cadrados de superficie que conforman a praza de España, parte da avenida de Vigo e os xardíns de Carballal, comezarán en cuestión de días. O Concello adxudicou definitivamente os traballos ás empresas Audeca e Nexia Infraestruturas sen que se producira ningún recurso.
Os traballos, cun investimento total de contrata de 470.000 euros, constitúen a maior obra urbana da historia de Ponte Caldelas. Están financiadas con cargo ao Plan de Reequilibrio da Deputación Provincial.
O contrato será asinado a principios da próxima semana e as empresas comprometéronse a comezar en breve, adiantándose ao prazo legal de 30 días para o replanteo. Así se acordou nunha xuntanza mantida co Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), na que se puxo todo o énfase na necesidade da máxima coordinación entre as dúas adxudicatarias. As empresas mesmo adiantaron que compartirán provedores para unificar acabados.
A “filosofía” dos dous proxectos é a posta en valor dun espazo, que a pesar de ser o máis céntrico de Ponte Caldelas, resulta completamente caótico e acumula elementos sen a menor integración e coherencia. Agora preténdese removelos para crear un gran espazo a un só nivel, que conservará un carril de saída de tráfico da avenida de Marín, convenientemente protexido con bolardos.
As obras inclúen tamén unha fonte luminosa de última xeración fronte á Alameda como recurso para resaltar este espazo arborado, que o Goberno local considera a “peza central” do urbanismo caldelán. Ao mesmo tempo, destácase, todo o proxecto está concibido para despexar obstáculos e realzar a arquitectura indiana, ben representada en varios edificios da zona. “Queremos presumir de Ponte Caldelas”, subliñan dende o equipo de goberno.
O actual chafarís (que foi reconstruído por unha escola-obradoiro en 2003) gañará protagonismo ao ser trasladado á rotonda que presidirá o espazo entre o colexio Cordo Boullosa e o parque infantil. Crearase así tamén unha nova praza e mellorarase a seguridade viaria na contorna do centro educativo. Un aspecto que se reforzará trasladando o aparcamento fixo dos autobuses á explanada do Instituto. Os autocares só pararán na porta para deixar e recoller ao alumnado.
Estas obras preludian tamén a reforma completa da avenida de Vigo, onde se vai reducir o tráfico a un carril para gañar o espazo necesario para 200 aparcamentos en batería. Unha actuación preparatoria do gran cambio que vai supor a construción do futuro centro termal de Ponte Caldelas nos terreos do antigo Balneario.

Deja un comentario