+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA APROBA A ADXUDICACIÓN DO CONTRATO DE XESTIÓN DE “DEPOTERMAL 2019”, QUE CONTARÁ CON PRETO DE 4.500 PRAZAS


Ao concurso público para xestionar o programa de termalismo presentáronse tres empresas das cales a que obtivo a maior puntuación foi Viajes Halcón

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación da contratación da xestión do programa “Depotermal 2019”, que ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra. A empresa que levará a cabo a execución e desenvolvemento do programa será Viajes Halcón S.A., tras ter acadado a máxima puntuación das tres empresas presentadas ao concurso público.

O programa de termalismo da Deputación de Pontevedra, que conta para o 2019 cun orzamento de 102.000 euros, impulsa o establecemento de novas relacións sociais, favorece a participación en actividades que melloran o seu estado anímico, potencia espazos de encontro e intercambio de experiencias e evita o illamento e situacións de soidade. Amais cumpre co dobre obxectivo de promover o envellecemento activo ao tempo que dinamiza a economía da provincia, impulsando o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade e, polo tanto, desestacionalizando a demanda.

En total, o vindeiro ano “Depotermal” ofertará 4.434 prazas das que 434 serán gratuítas e estarán financiadas pola Deputación de Pontevedra para persoas en situación e ou risco de exclusión social. O programa termal de asistencia diaria sen pernocta contará con 1.248 prazas das que 248 serán gratuítas e o programa termal con pernocta ofertará 3.186 prazas das cales 186 se reservarán tamén para persoas en situación e ou risco de exclusión social.

O programa de termalismo da Deputación está dirixido a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1969, ou aquelas que, nacendo con posterioridade, son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65% ou precisan dun respiro familiar.

Deja un comentario