+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

PONTE CALDELAS SOLICITA UNHA ENTREVISTA COA CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL PARA FALAR DA CASA DA QUINTÁN


A carta inclúe fotografías do edificio, reformado pola Xunta de Galicia hai 9 anos, e que non chegou a inaugurarse

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, remitiu unha carta á nova conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, para solicitarlle unha entrevista na que abordar a situación da Casa da Quintán, o edificio reformado pola Xunta hai case 10 anos para usos sociais, cun investimento público de medio millón de euros, e que nunca chegou a estrearse.
A carta, enviada o pasado 29 de setembro, só un día despois da toma de posesión comeza cunha felicitación polo nomeamento e o desexo dos maiores éxitos. Ademais, o Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) ponse ao dispor da conselleira para o que sexa preciso e adiántalle a súa vontade de colaborar.
Andrés Díaz lembra que xa solicitou outra entrevista formal a José Manuel Rey Varela, antecesor da actual conselleira, sen que a petición, que foi reiterada con dúas mocións aprobadas polo Pleno e mesmo persoalmente en conversa co secretario xeral da Consellería de Política Social, fóra atendida.
A carta inclúe tamén fotografías da propia Casa da Quintán, tanto interiores como exteriores, para que a conselleira tome conciencia da situación. Máis aínda, cando é a única instalación deste tipo, titularidade da Xunta de Galicia, que permanece pechada. O edificio, mesmo está dotado con mobiliario, útiles de cociña, ordenadores, televisores, etcétera.
A Casa da Quintán é un chalé indiano que foi cedido pola fundación Sálvora para convertelo en centro de “respiro” para familias con persoas con discapacidade intelectual. Diante da negativa da Xunta de Galicia a abrilo, sen ningunha explicación oficial, o Concello propuxo utilizalo como residencia de maiores ou para calquera fin social. Mesmo impulsou o diálogo coa directiva de Sálvora, que está aberta a renegociar as condicións da cesión e facilitar a apertura.
Dende o Concello de Ponte Caldelas tamén se solicitou unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para abordar este e outros asuntos pendentes en Ponte Caldelas. Tampouco houbo resposta a esta petición.

Deja un comentario