+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

A SCD PONTE CALDELAS ESTREA CORES NA SEGUNDA EQUIPACIÓN CON VITORIA


 

A Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas estreou este domingo a segunda equipación, con cambio radical de cores, cunha traballada vitoria (1-0) diante do Cotobade. O novo uniforme, con camiseta e medias vermellas e pantalón negro, foi doado polo seu patrocinador principal, que é o Concello de Ponte Caldelas.
Á estrea, que se produciu nun partido como local no campo de Chan da Barcia, asistiron o alcalde, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde, Lito Muíños en representación do Goberno municipal tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).
O equipo verdibranco substitúe así a habitual segunda equipación, completamente branca, dado que daba lugar a problemas pola coincidencia con algúns equipos da categoría que tamén teñen o verde e o branco no seu uniforme principal.
Durante a estrea comentouse tamén o porqué das cores verde e branca no equipo de Ponte Caldelas. Un feito que se debe a que un dos seus fundadores, no ano 1974, quixo homenaxear ao equipo dos seus amores, que é o Racing de Ferrol. Manolo “Soledad”, como é coñecido na localidade, fixo o servizo militar na Cidade Departamental e de alí trouxo a súa querencia por estas cores que agora unen aos equipos ferrolán e caldelán.

Deja un comentario