+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

O CONCELLO ACONDICIONA O LAVADOIRO DE QUIREZA E REXUNTA O LOCAL SOCIAL DE VILALÉN PARA CORRIXIR HUMIDADES


As obras, pendentes duns pequenos detalles no recinto de augas de Quireza, están a ser acometidas pola Brigada Municipal de Obras

O Concello de Cerdedo-Cotobade segue cos intensos traballos do seu plan de mellora de equipamentos e bens públicos, que se están a realizar con medios propios a través da Brigada Municipal de Obras, e vén de acondicionar o lavadoiro de Quireza e de realizar certas obras no local social de Vilalén, na parroquia de Tomonde, para corrixir as humidades existentes no seu interior.

En concreto, neste centro veciñal, cuxa actuación se enmarca no proxecto global de modernización de todos estes recintos para favorecer as actividades das parroquias, acometeuse o picado exterior e o rexuntado dos seus muros de pedra para favorecer o seu correcto sellado e impedir, deste xeito, que entre a humidade.

Por outra banda, o lavadoiro de Quireza beneficiouse dunha completa reforma que incluiu a limpeza das lousas e a instalación dun novo teito, entre outras cuestións, e que está pendente da execución duns pequenos detalles para o seu remate.

O presidente municipal, Jorge Cubela, destacou o “gran traballo” que se está a realizar cos medios e o persoal propios para manter e modernizar as instalacións públicas máis empregadas polos veciños: “Temos unha programación deseñada para ir atendendo as necesidades que van xurdindo en todas as parroquias e ademais a estamos executando con gran celeridade, polo que a cifra de equipamentos que se veu mellorada nos últimos meses é moi elevada, o cal nos satisface, xa que iso permitirá que sexan utilizadas en mellores condicións de confortabilidade”.

Deja un comentario