+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA ENXALZA O PAPEL DA EDUCACIÓN COMO “O INSTRUMENTO MÁIS IMPORTANTE PARA A IGUALDADE” NA APERTURA DO CURSO DA UNED


“As carreiras STEM son as que van definir o futuro e, unha vez máis, se vai construír o futuro sen nós. Precisamos facer algo para cambiar a situación e animar ás mozas a matricularse nas carreiras técnicas”, destacou a presidenta provincial

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao vicerreitor de Centros Asociados da UNED. Tomás Fernández, e á directora da UNED en Pontevedra, María Troncoso, no solemne acto de apertura do curso 2018/2019 da UNED, no que se deu a benvida ao novo alumnado así como procedeu á entrega dos diplomas ás persoas Graduadas da XLI promoción do centro asociado e ás participantes na IX edición do programa formativo UNED Senior.

A lectura da conferencia inaugural deste curso correspondeulle á profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires, quen centrou a súa intervención na “Igualade das mulleres nas enxeñarías: un camiño cara o desenvolvemento sostible”. Neste eido, a presidenta provincial destacou que “podería parecer que decidimos onte, tralo acontecido durante a pasada fin de semana, a temática desta lección inaugural pero o certo é que o fixemos fai dous meses porque, para nós, é moi necesario apostar pola igualdade como sinal de identidade”.

A presidenta provincial puxo en valor o papel da muller na universidade, onde “a maioría das persoas que remata unha carreira son mulleres”. Neste contexto, Silva reivindicou a necesidade de incrementar as matrículas das mulleres nas carreiras STEM, que actualmente representa o 20%, “xa que vivimos na cuarta revolución industrial, a da dixitalización, e precisamos formarnos e adaptarnos a esta nova contorna para non perder a presenza, o empoderamento e a capacidade para dirixir a sociedade. Unha vez máis se vai construír o futuro sen nós e algo temos que facer para frear esta situación”.

Por estes motivos, Carmela Silva fixo fincapé na necesidade de rachar cos estereotipos e fomentar a visibilización das mulleres no eido da tecnoloxía. Así, a presidenta provincial falou de avances tan importantes como o GPS, o bluetooh, Internet, os detectores de fume, o aire acondicionado ou os botes salvavidas, todos eles inventados por mulleres.

No transcurso do acto de apertura do curso, amais da entrega de diplomas e do discurso inaugural a cargo de María Álvarez Lires, tamén se fixo entrega do “Servizo Distinguido 2018” a Marcelino Agís. Deste xeito, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fíxolle entrega ao profesor Agís dun obsequio conmemorativo para recoñecer os seus máis de 25 anos como titor da UNED. Sobre Agís, a presidenta destacou “o meu máis profundo respecto por ti, pola túa capacidade de construír un mundo mellor ao teu arredor, polo teu compromiso coa filosofía e pola formación continua para que esta chegue a todo o mundo”.

Tamén tivo palabras Silva para a nova directora, María Troncoso, e secretaria da UNED, Laura Suárez, “dúas mulleres fortes, bravas, empoderadas, que lle están a dar un forte pulo e a cambiar este centro universitario en Pontevedra”. Neste eido, a secretaria da UNED en Pontevedra, Laura Suárez, deu a coñecer datos relativos ao funcionamento do centro asociado que, ata o 23 de outubro, ten aberto o prazo de inscrición. Suárez explicou que se realizaron máis de 600 titorías semanais, así como se puxo en marcha un grupo de teatro e se impulsou un proxecto de inclusión dirixido ás nenas e nenos de Monteporreiro denominado “Proxecto Inclúete”. Amais destas iniciativas, o centro asociado da UNED en Pontevedra acadou a acreditación de nivel 2, de consolidación, no Sistema de Garantía Interno de Calidade na Xestión de Centros Asociados.

Deja un comentario