+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

UN GRUPO DE MOZOS CREA O PRIMEIRO CLUBE CICLISTA EN CERDEDO-COTOBADE CO RESPALDO DO CONCELLO


Gabriel Souto, Sergio González, Roberto Sobrino, Aurora Sobrino e Darío Buceta conforman a primeira directiva da entidade

Un grupo de mozos do municipio acaba de crear o primeiro clube ciclista de Cerdedo-Cotobade co apoio e a titorización do Concello, que vén de acoller o acto de presentación deste novo equipo deportivo coa presenza do presidente municipal, Jorge Cubela, e do concelleiro de Deportes, Bruno Portela.

Esta iniciativa xurdiu da man de Gabriel Souto, Sergio González, Roberto Sobrino e Aurora Sobrino que, xunto a Darío Buceta, conforman a primeira xunta directiva desta entidade. Este grupo de mozos quería darlle forma a súa inquedanza por esta práctica deportiva e recurriu ao Concello, que asesorounos e guiounos desde o primeiro momento coa colaboración directa do rexedor e do edil do ramo.

Este equipo, que nace baixo a denominación oficial de Clube Ciclista Cerdedo-Cotobade, pretende acoller a todos os afeccionados, tanto do municipio como doutros territorios, nas modalidades de bicicleta de montaña (BTT) e de rutas por estrada.

A directiva ten previsto comezar de inmediato coas súas actividades, que se centrarán inicialmente na captación de deportistas, a búsqueda de patrocinadores e a organización de rutas, probas e eventos.

O presidente municipal amosou a súa satisfacción polo nacemento deste novo clube “e porque se implante no noso concello a semente dun deporte tan bonito e sacrificado, cuns valores tan encomiables como o ciclismo” e reiterou o apoio do Concello a este grupo de mozos para que “esta iniciativa tan plausible saia adiante e se consolide entre a poboación como unha alternativa máis para a práctica do deporte”.

Deja un comentario