+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

CUBELA LAMENTA A FALLA DE RESPOSTA DE FOMENTO Á SOLICITUDE DE MANTER PARADA A REFORMA DA N-541 EN VIASCÓN


Revela que os representantes de Estradas o citaron para o día 31 en Madrid, pero cre que “pode ser tarde e que a obra xa estea iniciada”

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lamentou hoxe –cando se cumpre un mes desde que se coñeceu a reactivación do proxecto de reforma da estrada N-541 en Viascón– a falla de resposta do Ministerio de Fomento ao establecemento de diálogo co Concello e cos veciños e á solicitude de que se manteña paralizada esta obra. “Non entendo que non se nos responda, nin que si nin que non, cando ademais a obriga de toda administración é para cos seus cidadáns, polo que me parece una falla de respecto, sobre todo cos veciños, e este segredismo acrecenta as miñas sospeitas de que van levar a cabo esta desfeita sen miramentos”, manifestou.

O rexedor, que reiterou o seu “absoluto e inquebrantable apoio” aos veciños, á comunidade de montes e á asociación veciñal O Agro na súa petición de que se descarte esta reforma, revelou que os representantes da Dirección Xeral de Estradas citárono para o vindeiro 31 de outubro en Madrid, pero ten a sospeita, ante a tardanza da convocatoria, de que pode ser inservible. “Nun asunto que esperta tanta contestación non é normal que se adie tanto a reunión que solicitamos, polo que me temo que vaia ser política de feitos consumados e que a obra xa estea iniciada”, vaticinou o munícipe.

Cubela lembrou que a obra estivo paralizada durante dous anos e medio, desde comezos de 2016 ata finais deste verán, “grazas á sensibilidade que tivo o anterior Goberno Central coas nosas demandas”, que lle foron expostas de manera reiterada aos responsables de Fomento.

Por elo, asegurou non entender porque os actuais representantes socialistas no ministerio “amosan a súa pechazón en obviar esta obra alegando que non estivo paralizada porque, aínda que así fora, se teñen vontade de respectar os desexos e demandas dos veciños dispoñen de numerosos mecanismos legais e da súa propia decisión política para freala de inmediato”. Ao respecto, Cubela insistiu en que a Lei de Contratos permite paralizar, suspender ou modificar unha obra en calquera circunstancia e citou como exemplos recentes, das decenas que hai, a A-
57, o acceso ao aeroporto de Vigo, Mos-Vigo ou as conexións con Rande, entre outros.

Finalmente, e tras destacar que se posicionará do lado dos veciños desta parroquia “ata o final e ata onde mo permita a lei”, amosouse pesimista porque está convencido de que o PSOE, coa total connivencia dos seus representantes da bisbarra de Pontevedra, “non vai atender a razóns e vai consumar a obra pese a quen lle pese”. “É unha mágoa que entendan así a política, pero non me sorprende porque durante cinco anos xa lle deron as costas a Viascón e non fixeron nada por arranxar o socavón da vergoña, que tivemos que chegar nós aos gobernos central e local para solucionalo”, concluiu.

Deja un comentario