+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O DEPUTADO UXÍO BENÍTEZ SUPERVISA O FINAL DAS OBRAS NA GLORIETA DA COSTEIRA NO CONCELLO DE PORRIÑO


O nacionalista destaca a importante mellora da seguranza viaria na zona ao ordenar o tráfico nunha intersección que ata agora era moi perigosa

O deputado Uxío Benítez supervisou hoxe as obras realizadas polo departamento de Mobilidade da Deputación para reordenar o tráfico e mellorar a seguranza viaria na estrada provincial EP-2405 entre Cerquido e Budiño, no lugar de A Costeira, dentro do termo municipal de O Porriño. O responsable das infraestruturas provinciais destacou a súa satisfacción tras o fin dos traballos, que culminaron a construción dunha glorieta para redistribuír a circulación e calmar a velocidade nunha intersección que ata o de agora era moi perigosa e fora escenario de diversos accidentes.

Segundo manifestou Benítez, que estivo no lugar das obras (xa finalizadas) coa alcaldesa de O Porriño Eva García de la Torre e o tenente de alcalde Manuel Carrera, a actuación en A Costeira incluíuse dentro do Plan de Interseccións da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, que ten como un dos seus obxectivos prioritarios eliminar a violencia viaria e os puntos negros de toda a rede de estradas provincial. O nacionalista lembrou que construción desta glorieta era das máis necesarias na provincia polas características e tipoloxía da vía, así como pola intensidade de tráfico e polo uso industrial e comercial das estradas que conflúen nela (dous camiños municipais e a estrada da Deputación a Salceda de Caselas).

“A seguranza viaria é un eixo estratéxico da nosa política provincial. Temos detectado unha serie de interseccións problemáticas ao longo da nosa rede de estradas e esta era unha delas. A petición do concello de Porriño incluímola no Plan de Interseccións e fíxose unha intervención de máis de 130.000 euros. Para nós é unha satisfacción tanto poder dar resposta ás demandas do Concello do Porriño como seguir actuando nesta liña de solucionar puntos negros”, abondou o deputado.

Os traballos de mellora consistiron principalmente na ampliación do radio de curvatura da estrada principal, preto da conexión da EP-2405 da Deputación co parque empresarial das Gándaras, á altura do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia. En canto á pavimentación, Benítez lembrou que se fixo un saneo do firme e estendeuse unha nova capa de rodaxe na calzada para corrixir os peraltes tendo en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día.

Por outra banda, urbanizouse a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitáronse pasos de peóns e baixouse a velocidade máxima de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se solucionaron as drenaxes mediante a remodelación de cunetas e sumidoiros e instaláronse oito luminarias tipo led sobre columnas de nove metros, catro na propia glorieta e outras catro nas inmediacións da intersección. Tamén se reubicou a marquesiña de autobús que estaba nas inmediacións, creando itinerarios seguros para as persoas usuarias.

O proxecto de A Costeira vén do 2016, cando se iniciou a tramitación das expropiacións de dúas parcelas privadas necesarias para a instalación da rotonda. Despois de solucionadas as alegacións e trámites burocráticos de contratación foi necesario adiar os traballos ata o mes de maio debido á climatoloxía adversa que houbo a principios de ano.

Benítez destacou que o orzamento global ascendía inicialmente a 220.336,36 euros, sendo 21.534 euros destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo de 132.719,68 euros.

Pola súa banda, a alcaldesa Eva García salientou que esta obra supón “unha mellora ostensible” dentro da ordenación da zona. “Coa construción da rotonda evítase a altísima sinistralidade que había tal e como estaba configurado o espazo. Agora os viandantes e as persoas usuarias adaptáronse perfectamente á existencia da glorieta, o que dá idea da necesidade que había de facela. Estamos moi contentos realmente”, destacou.

Deja un comentario