+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

“GALAICOS VAINOS SITUAR NO MAPA INTERNACIONAL DO TURISMO ARQUEOLÓXICO”


A presidenta da Deputación informou que a mostra estrearase o 31 de outubro no Museo Arqueolóxico Nacional, viaxará ata Valencia na primavera de 2019, e regresará a Pontevedra ao Museo Provincial

O Ministro de Cultura do goberno de España, José Guirao, presidirá o acto de inauguración da exposición en Madrid

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo resaltar hoxe na presentación no Museo Provincial da exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”, o gran valor arqueolóxico da mostra, que percorrerá diferentes puntos da xeografía española e porá á provincia no “mapa internacional” do turismo arqueolóxico, permitindo deste xeito tamén desestacionalizar a demanda.

“Hoxe aquí sentímonos amparadas e amparados pola historia”, sinalou Silva. “Esta exposición concíbese para contarlle ao mundo que os galaicos somos moito máis que os habitantes do noroeste peninsular”, explicou a presidenta, para engadir a continuación que a mostra busca tamén “rachar cos tópicos e esa idea xeneralizada de pobo pouco desenvolvido”.

Durante a exposición púxose en marcha a conta atrás ata a inauguración da mesma, que terá lugar no prestixioso Museo Arqueolóxico Nacional, situado en Madrid, o próximo 31 de outubro. De alí viaxará ata Valencia, o Mediterráneo, na primavera de 2019, para regresar novamente ao Atlántico, ao Museo Provincial de Pontevedra.

A presidenta sinalou a proximidade dos portos galegos con destinos marítimos como os que hoxe coñecemos como Cádiz (Andalucía) e Cardiff (Reino Unido). “Fomos o centro ou fomos a periferia?”, preguntou Silva, lembrando as relacións que se estableceron con fenicios e cartaxineses, entre outros. “Con esta exposición imos contarlle á sociedade como a nosa posición estratéxica de entrada e saída de mercancías, persoas, linguas e culturas configurounos nunha sociedade aberta e creativa”, afirmou a presidenta.

Na presentación participaron tamén o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, así como os comisarios da exposición, Andoni Nicolau e Rafael Rodríguez. Valle quixo sinalar a importancia da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, “antecedente inmediato do Museo de Pontevedra”, que este ano cumpre 125 anos desde a súa fundación.

Pola súa parte, Nicolau e Rodríguez apuntaron á importancia da colección que se reuniu para esta exposición. “Trátase dunha exposición colectiva que explica a relación dun pobo entre dous mundos”, explicou Nicolau. “Cando os romanos chegan aquí atópanse unha sociedade complexa, articulada, que en parte fará fronte a ese invasor”, continuou. A exposición percorre “1.500 anos de historia que nos falan dos nosos antepasados”, tal e como sinalou Rodríguez.

Deja un comentario